ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA pide á Confederación Hidrográfica e á Xunta...

02-12-2015

ADEGA pide á Confederación Hidrográfica e á Xunta a paralización definitiva das obras da fábrica da luz no Miño e traslada o caso á Fiscalía

O pasado 14 de novembro, a empresa asturiana Inca, adxudicataria en 2008 da explotación da fábrica da luz a carón do río Miño en Lugo, puxo en marcha as obras que prevén retomar a explotación desta infraestrutura que leva décadas en desuso. Sen embargo, os traballos autorizados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil supoñen multiplicar por tres a captación actual do caudal do río para a xeración de electricidade (18.000 l/s) e implican unha grave alteración da contorna do Miño, dos hábitats e das especies deste espazo protexido con varias figuras legais que non foi tida en consideración na Declaración de Impacto Ambiental do proxecto (DIA).

Unha declaración de impacto ambiental con graves carencias e excesivamente permisiva

O treito fluvial do Miño en Castro Romai (Concello de Lugo) está declarado Zona de Especial Conservación e fai parte da Rede Natura 2000 (ZEC Parga-Ladra-Támoga) e conforma a zona núcleo da Reserva de Biosfera Terras do Miño.
Acubilla distintos tipos de hábitats de interese comunitario (códigos 3260, 3270, 6430) incluindo o 91E0* bosques aluviais, de protección prioritaria. É tamén unha área con presenza de diversas especies protexidas a nivel europeo, estatal e autonómico, entre as que destacan: Lutra lutra, Nymphoides peltata, Natrix natrix, Gasterosteus aculeatus, Unio pictorum, Potomida littoralis, Isoetes fluitans* e Margaritifera margaritifera* (estes dous últimos, o fento de río e o mexillón de río, comnsiderados en perigo de extinción); por non falar das máis de 60 especies de aves citadas na contorna.

A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada polo Ministerio (Resolución do 20 de xullo de 2012 da Secretaría de Estado de Medio Ambiente) resulta totalmente inadecuada e presenta graves carencias para poder avaliar a verdadeira repercusión das obras propostas sobre un espazo tan sensíbel e multiprotexido. Este despropósito institucional traduciuse en:

-O caudal autorizado (18.000 l/s) resulta totalmente incompatíbel co mantemento nun estado de conservación favorábel dos compoñentes chave da biodiversidade (tipos de hábitat naturais, especies de flora e fauna silvestres) presentes no treito fluvial, así como co mantemento do estado ecolóxico das augas.

-O documento amosa graves carencias na identificación dos compoñentes da biodiversidade presente no treito do curso fluvial afectado polas obras, ninguneando a presenza dos tipos de hábitat de interese comunitario (DC 92/43/CEE) e das especies de de flora e fauna de interese comunitario (DC 92/43/CEE, DC 2009/147/CE) e protexidas pola lexislación estatal (Lei 42/2007) e autonómica (Lei 9/2001) e Decreto 88/2007.

-Inexistencia unha análise axeitada dos impactos ambientais nin das medidas de corrección e prevención, para garantir a integridade do espazo e o mantemento nun estado de conservación favorábel dos tipos de hábitat e das especies de interese para a conservación. Como consecuencia, as obras causaron unha afección negativa sobre a integridade do espazo e están a perxudicar gravemente ao equilibrio dos sistemas naturais (artigo 325 do Código Penal, Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro), ao estado de conservación dos tipos de hábitat e especies de flora e fauna silvestres (DC 92/43/CEE, DC 2009/147/CE, Lei 42/2007, Lei Orgánica 10/1995), e tamén ao propio estado ecolóxico da masa de auga (DC 2000/60/CE). Por esta razón, ADEGA vén de dar traslado á Fiscalía ambiental do TSXG do caso para que abra as pertinentes dilixencias penais.

-As medidas de actuación e os condicionantes da execución do proxecto establecidos na DIA vulneran completamente os obxectivos e directrices de conservación deste espazo protexido establecidos na súa normativa de creación, así como no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galiza (Decreto 37/2014).

Unhas obras que nen sequera respectan o establecido na DIA

Así e todo, e malia a contar cunha DIA hiper-permisiva, as obras executadas dende o 14 de novembro de 2015 incumpren gravemente as condicións establecidas na Resolución do 20 de xullo de 2012 da Secretaría de Estado de Medio Ambiente: consistiron até o de agora na construción dun dique artificial 150m fóra da zona contemplada na devandita resolución, obrando ademais fóra do período autorizado, co que os impactos sobre os recursos naturais e ao medio ambiente son moito maiores.

Por estas razóns ADEGA vén de solicitar ás administracións con competencias na materia (Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Dirección Xeral de Conservación da Natureza) a paralización definitiva das obras, a reposición ao estado orixinal da contorna afectada e a apertura dos correspondentes expedientes tendentes a garantir a integridade dos recursos naturais afectados. Comunicamos tamén os feitos á UNESCO, organismo que tutela através do programa MaB (Man and Biosphere) a Reserva da Biosfera Terras de Miño, para que inste ás administracións responsábeis a respectar os valores que xustificaron a declaración da Reserva da Biosfera.

Asemade e debido a que das obras derivouse un deterioro doloso de hábitats e especies protexidas, trasladamos o caso á Fiscalía de medio ambiente do TSXG para que abra unha investigación e depure as presuntas responsabilidades penais.

Lugo está co Miño!

Dadas as protestas dos veciños e veciñas de Lugo polo grave impacto xerado na contorna do río Miño coa construción dun dique no propio leito do río, a Confederación Hidrográfica ordenou o pasado 26 de novembro a paralización provisional das obras. No obstante, en calquera momento poderían ser retomadas baixo a autorización do mesmo organismo, co gallo de concluír o levantamente do dique que ademais se está a realizar fóra do ámbito previsto pola DIA.

Por iso, ADEGA fai un chamamento a toda a cidadanía de Lugo para se una ao movemento ecoloxista e social de repulsa a estas obras e de defensa do río Miño no que, ademais de ADEGA, xa están a participar outros colectivos como Masa Crítica, Ateneo-Engranaxe, Madialeva, Podemos, BNG-Asembleas abertas, Plataforma sarriana polo río, Asociación Galega de Custodia polo Territorio, CIG, etc.

Participa con nós e demostra que Lugo está co Miño!

Contacto: adegalugo@adega.gal

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal