ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Quen se está a lucrar cos trofeos ilegais de lobo?

05-11-2015

Quen se está a lucrar cos trofeos ilegais de lobo?

A Xunta vén de respostar á recente denuncia de ADEGA sobre as ofertas de trofeos de lobo en Galiza aparecidas na internet (Ancares e Ribeira Sacra) confirmando con moitos rodeos que esa práctica é ilegal. Porén, a Reserva de Ancares aprobou en 2015 a caza de tres exemplares en paralelo co ofertado ilegalmente na rede...

Alén de informar do obvio (un trofeo de lobo non pode comercializarse, nen venderse sequera o permiso para cazalo), a D. X. de Conservación da Natureza non dá conta da apertura da pertinente investigación para verificar os feitos denunciados, limitándose a informar das actuacións da Xunta Consultiva da Reserva de Caza de Ancares.

Elúdese pois respostar á cuestión principal motivo da denuncia, referida a venda de trofeos de lobo na Reserva de Caza de Ancares, e na que argumentabamos que o feito mesmo podería ser constitutivo dun delicto penal, en base ao artigo 335 do CP.

A posta a venta ao público de trofeos de lobo na Reserva de Ancares, mediante anuncios na web, é un feito que destapou ADEGA, do que descoñecemos se a Xunta tiña ou non constancia, mais debería investigalo para facer valer a base legal sobre a que se sustenta a xestión e conservación do lobo en Galiza, máxime ao tratarse dun eventual delicto penal.

Por outra banda, a aprobación (como informou a administración na súa resposta) da caza de tres lobos pola Xunta Consultiva da Reserva de Caza de Ancares non se axusta ás normas ambientais do país e en absoluto pode determinar e moito menos condicionar as intervencións sobre as poboacións de lobo nun determinado terrirorio.

Dende ADEGA queremos lembrar á Xunta que as normas que prevalecen para a xestión cinexética do lobo en Galiza son as contidas no Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plano de Xestión do Lobo de Galiza, e non un plano cinexético dunha reserva ou unha orde de vedas.

Os criterios para autorizar a xestión do lobo son os dispostos nos artigos 8 e 10 do dito Plano de Xestión, que con respecto ás "zonas 2" (caso da Reserva de Caza de Ancares) establece que os "controis" realizaranse de maneira puntual previa avaliación técnica e cando se demostren danos recorrentes, e non de forma preestablecida ou acordada en ningún Plano de Ordenación Cinexética.

Dende ADEGA temos a sensación de que o lobo é unha cuestión incómoda para a Xunta. A actuación da administración debátese entre un "perfil baixo" para non incomodar a determinados sectores, a permisividade coas actuacións de "control", o desleixo coas medidas compensatorias e disuasorias (indemnizacións, subvencións para cercados e mastíns...) e a "vista gorda" perante actuacións presuntamente ilegais contra unha das xoias do noso patrimonio natural.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal