ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Monterías ilegais de lobo en Galiza: trofeos de...

09-10-2015

Monterías ilegais de lobo en Galiza: trofeos de 1000 a 2800€, negociábeis

Monterías de lobo a un ´clic´

ADEGA vén de denunciar na Fiscalía ambiental as ofertas de trofeos de lobo aparecidas en varias webs de anuncios e caza. Os prezos oslilan entre os 1000 e os 2800€. A venda de trofeos de lobo, prohibida en Galiza, pode ser causa de delicto penal.

Dende ADEGA sorprende a naturalidade e absoluta impunidade coa que se anuncian na internet a venta de trofeos de lobo en Galiza, ben por empresas identificadas coa actividade do turismo cinexético, ou simplesmente através  dun teléfono móbil nunha web de anuncios xeralista. No primeiro caso, non se especifica o lugar de procedencia de ditos lobos, mais a web da empresa non deixa lugar a dúbidas: "Cazaribeirasacra.es". No segundo, o trofeo é directamente ofertado en monterías na Reserva da Biosfera dos Ancares lugueses en "Milanuncios.com".

Reproducimos de seguido a oferta de "Milanuncios.com" para unha montería nos Ancares, que preferentemente oferta un axexo de rebezo, aínda qie poder haber "bonus":
http://www.milanuncios.com/monterias/rececho-de-rebeco-166529429.htm “Se vende rececho selectivo en la reserva de la Biosfera de los Ancares de Lugo, también se puede cazar jabalí y LOBO hasta agotar cupo del último. Precio 1000 +tasas (negociable). URGE!!"

O outro anuncio, desta volta dunha empresa de Ourense, publicita entre os seus produtos:
http://cazaribeirasacra.es/home/8-lobo.html “Productos más vistos: LOBO. Incluye la caza de un lobo. 2.800€. Cantidad=1; Comprar”

Posíbel comisión dun delicto penal (art. 335 do CP)

O lobo, aínda sendo unha especie inventariada coma cinexética na Galiza, a efectos de xestión queda sometida ás disposicións do Decreto 297/2008, de 30 decembro, polo que se aproba o Plano de xestión do lobo en Galiza. Os artigos 8 e 10 establecen as directrices de control aos que queda sometida a especie.  

No caso de demostrarse necesario, por danos xustificados mediante informe técnico, o Plano autoriza que os controis (é dicir a súa caza) poderanse facer coa colaboración das sociedades de caza, sendo preceitiva a supervisión por parte dos axentes ambientais da Xunta, ou con carácter excepcional debidamente xustificado, polos propios axentes ambientais.

En ningún caso o Plano, como instrumento normativo que prevalece sobre o resto, permite que a xestión de control do lobo poida ser motivo dun aproveitamento comercial e a súa venda coma trofeo. Noutras comunidades autónomas é posíbel, pero na Galiza non. Dende ADEGA consideramos que este tipo de prácticas, de consumarse, estarían incorrendo nun delicto tipificado no Código Penal, concretamente no artigo 335, dado que o lobo está sometido a unha norma específica sobre a súa caza, que é precisamente o Plano de Xestión.

ADEGA vén de dirixir senllos escritos á D. X. de Conservación e á Fiscalía ambiental do TSXG para que investiguen estas vergoñentas prácticas que, ademais de ilegais, atentan contra a conservación dunhas das xoias do noso Patrimonio Natural: o lobo ibérico.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal