23-09-2015
ADEGA vén de presentar perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha solicitude de información sobre o estado de tramitación do expediente de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para a Cova Eirós de Triacastrela. Ao abeiro das leis estatal e galega de protección do patrimonio histórico-cultural, as covas con presenza de arte rupestre son declaradas por ministerio como Ben de Interese Cultural, e por tanto, correspóndelle ao goberno autonómico por imperativo legal decretar coa máxima premura posible a protección da Cova Eirós coa figura de BIC, efectivizando así a súa incorporación no Catálogo galego de Bens de Interese Cultural e a aprobación do seu correspondente planeamento e perímetro de protección.
Esta será a derradeira oportunidade que ADEGA lle dea á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza para coñecer en que grao está a cumprir coas súas obrigas legais e a promover medidas efectivas para a protección do xacemento paleo-arqueolóxico máis importante do Paleolítico en Galiza. De non recibir resposta da Consellaría de Cultura no prazo legal ou comprobar que a Xunta non está a actuar de acordo coas leis establecidas sobre a protección do patrimonio cultural de Galiza, ADEGA acudirá aos xulgados para denunciar a situación de desprotección legal que está a sufrir a Cova Eirós, así como a falta de transparencia da Administración.
Malia que as pinturas e gravados rupestres foron descubertos na Cova Eirós na primavera de 2012, feito que automaticamente debería ter implicado a incoación de expediente para a declaración do xacemento como BIC, carécese de información pública e oficial sobre o inicio deste procedemento. Alén disto, a Dirección Xeral de Patrimonio non respondeu a ningunha das solicitudes de declaración de BIC que ten formulado ADEGA desde a descuberta das pinturas e gravados rupestres na Cova Eirós en outubro de 2012 e en setembro de 2014, incumprindo, entre outras normas, a lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno ou o Decreto 430/1991 polo que se regula a tramitación dos Bens de Interese Cultural en Galiza.
Nese mesmo período, a Xunta tamén desatendou as peticións de declaración do BIC Cova Eirós formuladas por outros organismos públicos a instancias de ADEGA, como o da Deputación provincial de Lugo, que en o 31 de xullo de 2012 acordou en pleno e de xeito unánime trasladar á Xunta esta demanda. Ademais de ADEGA e da Deputación de Lugo, outros colectivos sociais e formacións políticas fixeron o mesmo sen obtención de resultados, como a Asociación sociocultural do Iribio, o Bloque Nacionalista Galego ou Alternativa Galega de Esquerda.
Ante este descarado ocultismo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o expediente de BIC da Cova Eirós, ADEGA recorreu ao amparo do Valedor do Pobo ao que tamén lle denegou o acceso á información requerida en tres ocasións desde o mes de maio deste ano, incumprindo a Lei 6/1984, de 5 de xuño, do Valedor do Pobo e rexeitando tacitamente a súa recomendación de “concretar as medidas específicas de protección adecuadas para garantir a protección formal e material do patrimonio cultural localizado na Cova de Eirós…”.
A dotación da figura máxima protección legal para a Cova Eirós é un feito que non permite demora, xa que o xacemento arqueolóxico está en permanente risco de deterioro ao localizarse na área de dominio da explotación mineira de Cementos Cosmos. Precisamente, a falla dunha protección efectiva da Cova e a irresponsabilidade da Xunta permitiron que en outubro de 2014 as máquinas de Cosmos destruíran toda a coberta vexetal e xeolóxica que amparaba a Cova das desavenencias climáticas e das infiltracións de auga, deixando a superficie do teito da Cova a tan só 50 m por riba do xacemento, e poñendo aínda máis en perigo a conservación das súas excepcionais pinturas e gravados rupestres. Daquela, ADEGA puxo en coñecemento do feito á Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG e á Garda Civil para que se dispuxera a paralización das obras.
Non só os feitos convidan a pensar que as cautelas que a Administración está a promover para a protección deste importante ben cultural son insuficientes, senón tamén as normas legais. Por réxime xeral, os xacementos arqueolóxicos deben contar cun perímetro mínimo de protección de 200 metros que non se está a aplicar no caso da Cova Eirós, aínda tendo en conta que, por ministerio, xa tería que ser considerada a todos os efectos como BIC.
Este deliberado incumprimento da lei por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e a súa permisividade para a intervención directa sobre o xacemento sen as cautelas precisas son unha clara mostra do absoluto desprezo que a D.X. de Patrimonio da Xunta profesa pola Historia e pola preservación do Patrimonio de todas as galegas e galegos. Esta actitude, de non ser enmendada coa declaración inmediata da Cova Eirós como BIC, será denunciada por ADEGA ante os tribunais.
Dese o punto de vista arqueolóxico, a Cova Eirós acolle restos e material lítico de hai máis 118.000 anos pertencentes aos primeiros seres humanos habitantes da Península, Homo Neandertal, e tamén restos do Homo Sapiens ou do Cromagnon, datados en máis de 20.000 anos, converténdose así nun dos poucos xacementos nos que conflúen todas estas pegadas nun mesmo lugar. Así mesmo, en 2012 atopáronse nas paredes da cova preto dun cento de pinturas e gravados rupestres a algúns dos cales se lles atribúa unha antigüidade de máis de 20.000 anos, e que agora están en estudo.
A Cova Eirós tamén constitúe un tesouro paleontolóxico valiosísimo. Trátase do xacemento de oso cavernario (Ursus spelaeus) máis occidental de toda Europa, cun número mínimo de case 40 individuos adultos que ocuparon Eirós durante 15.000 anos de maneira continuada. O xacemento tamén conserva nas súas paredes rabuñaduras do oso das cavernas que non fan máis que constatar a importancia desta Cova.
Nunha recente visita á Cova Eirós, membros de ADEGA poideron comprobar in situ os achádegos referidos así como a fraxilidade á que están expostos de non seren preservados de forma contundente pola Administración. Por iso cremos que existen evidencias suficientes e irrefutables para que a Cova Eirós sexa recoñecida como santuario do Paleolítico galego e protexida, en consecuecia, coa máxima figura de protección patrimonial ou BIC.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal