ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA adía a data límite para participar nos...

01-09-2015

ADEGA adía a data límite para participar nos Concursos polo Territorio 2015

O vindeiro 15 de outubro será a data límite para a entrega das obras

En abril de 2015 ADEGA convocou de novo os concursos de fotografías, de relatos e de curtametraxes co gallo de que a sociedade galega retrate o estado actual do territorio galego a través da imaxe e da palabra.

Despois de que moitos participantes se puxeran en contacto con ADEGA para solicitar o adiamento do prazo límite de entrega de obras que estaba situado no 15 de setembro, e coa intención de favorecer unha maior participación, a organización decidiu aprazar un mes máis a entrega de orixinais dos tres certames, quedando como data definitiva o vindeiro 15 de outubro.

Estes concursos pretenden facer participativa á cidadanía galega na reivindicación dunha ordenación territorial sustentábel na que se freen as ansias especulativas dos poderes privados sobre o territorio e na que se propoñan alternativas coherentes coa defensa ambiental, coa cohesión social e coa posta en valor do noso patrimonio cultural. Os tres certames contan coa axuda da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

V Concurso FOTOGRAFÍAS POLO TERRITORIO

As fotografías deberán ter como obxecto mostrar os efectos de actividades humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial.

Tamén se poden enviar fotografías que amosen  exemplos de posta en valor do territorio. Cada participante poderá presentar como máximo 4 fotografías cos seus datos persoais e a localización xeográfica das imaxes, que poderán ser enviadas a ADEGA a través do e-mail culturaeterritorio@adega.gal. 

Establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de adultos/as, para maiores de 16 anos.

Premios: 1º Categoría Adulta: Diploma e 200 euros; 1º Categoría Xuvenil: Diploma e 150 euros.

V Concurso de relatos O LUGAR ONDE VIVO

Os relatos curtos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o relato xire arredor das visións que a poboación galega ten sobre o lugar no que vive; como é, como foi, como quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo, etc.

Cada participante poderá presentar un máximo de 2 relatos inéditos en lingua galega que terá que enviar por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo (Ronda de Fontiñas, 180, Ent.) ou en formato electrónico ao email culturaeterritorio@adega.gal.

Para esta convocatoria tamén se establecen as categorías xuvenil e a adulto/a.

Premios: 1º Categoría Adulta; Diploma e 250 euros. 1º Categoría Xuvenil; Diploma e 200 euros.

IV Consurso E TI QUE É O QUE VES?

As curtametraxes de ficción, documentais ou animación deberán dar mostra de exemplos de posta en valor da nosa cultura e territorio e/ou denunciar aquelas actuacións que agreden os mesmos.

Cada participante poderá presentar un máximo de 4 creacións audiovisuais, que terá que enviar en formato DVD, por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo (Ronda das Fontiñas nº 180 Entrechán). Tamén se poderá enviar a ligazón de descarga das curtas desde calquera plataforma de intercambio de arquivos, tipo Dropbox, ao email culturaeterritorio@adega.gal.

Establécese unha única categoría para este concurso e dous premios: 1º Premio: Diploma e 250 euros; 2º Premio: Diploma e 150 euros.

Prégase que os participantes lean con detemento as bases dos concursos.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal