ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica do Bioblitz e do XI Encontro de...

25-06-2015

Crónica do Bioblitz e do XI Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos

En todas as actividades que o Proxecto Ríos propón ao voluntariado participante e á sociedade en xeral, intentamos establecer unha temática que encadre a actividade. Neste caso, os encontros de voluntariado van acompañados de conferencias e roteiros que poñan en valor algún aspecto salientable dos nosos ríos.  Este ano realizamos unha descoberta de biodiversidade, (Biobliz), desenvolveuse esta actividade na Eira da Xoana para achegarnos a coñecer as plantas que medran sobre rochas ultrabásicas que afloran no curso alto do río Ulla, facendo de toda esta zona un lugar especial onde poder atopar individuos exclusivamente adaptados á presenza de metais pesados das serpentinas. Non so nos limitamos a identificar a flora, senon que procuramos ir recoñecendo calquer organismo que fóramos atopando.
Comezamos, polo tanto, o roteiro ás 10:30 da mañá. Desprazámonos en coches ata a aldea de Barazón, e alí collemos unha pista forestal na que comezamos o roteiro. Acompañados por Xurxo Mouriño e Fins Eirexas, expertos en botánica e xeoloxía respectivamente, fomos descubrindo as diferentes especies de flora que medran no lugar. Así mesmo Ramsés Pérez , amosounos a ampla variedade de aves que habitan este espazo.

Ás 14.30 chegamos de volta á Eira da Xoana para xantar á sombra dos castiñeiros. Xa pola tarde, foi o momento no que os grupos convidados do Proxecto Ríos compartiron as súas experiencias co resto dos asistentes. Comezou María Ruán, da Asociación Néboa Medioambiente, que levan dende o 2005 facendo inspeccións no río Belelle. María fixo un percorrido polas actividades que durente unha década fixeron no marco do Proxecto Ríos. Ademais das inspeccións, editaron diferentes materiais educativos, exposicións e outras actividades para poñer en valor a contorna do Belelle. Trouxo tamén unha pequena mostra da exposición que elaboraron con estes materiais editados: fotografías, cadernos, unidades didácticas, manualidades representando a fauna do río, etc. A continuación, foi Belén Pérez, do IES María Sarmiento de Viveiro, quen expuso as actividades que desenvolveron na primavera de 2015 no río da Rigueira. Desenvolveron un proxecto interdisciplinar implicando a diferentes departamentos que traballaron diferentes cuestións relacionadas co río. Para rematar, presentamos as actividades que realizaron os alumnos e profesores do IES Fontem Albei de A Fonsagrada no río Lamas durante os últimos tres anos. Como punto final do Encontro de Voluntariado, achegámonos ata o río Ulla para buscar o mexilón de río (Margaritifera margaritifera), especie que está en regresión nos nosos cursos fluviais. Atopamos dous exemplares que os participantes puideron apreciar á beira do río.
Ás 20:00 puxemos fin aos undécimos encontros, esperando atoparnos nas vindeiras actividades.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal