ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Menos especies invasoras nas lagoas de Xuño e...

08-06-2015

Menos especies invasoras nas lagoas de Xuño e Muro

O pasado sábado 6 de xuño, ADEGA desenvolveu unha nova actividade de eliminación de flora exótica invasora nas lagoas de Xuño e Muro (Porto do Son). A actuación enmárcase no proxecto “Rede de voluntariado ambiental para a eliminación de especies invasoras en ecosistemas acuáticos”, que conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Fundación Biodiversidad.

FOTOS da XORNADA

A xornada comezou o sábado pola mañá, contando con 20 persoas voluntarias de diferentes lugares de Galiza. O voluntariado participante reuniuse no centro de interpretación das lagoas de Xuño e Muro en Porto do Son. Alí recibiron unha charla sobre a problemática que as especies exóticas invasoras producen nos ecosistemas acuáticos, nas charcas, lagoas e nos ecosistemas dunares en particular. Tamén se comentaron os antecedentes dos traballos desenvolvidos na mesma zona en anos anteriores. ADEGA leva traballando na zona con diferentes xornadas de voluntariado desde o 2011.

A continuación, o grupo desprazouse ata as zonas de traballo, onde se dividiron en tres grupos. O primeiro grupo actuou sobre unha mancha de cana (Arundo donax) e varios  pés da herba da Pampa (Cortaderia selloana), outro dos grupos centrouse na principal mancha de cana na que xa se traballou desde o primeiro ano, e o terceiro e último desprazouse ata outro lugar para proseguir traballos sobre unha mancha de papiro (Cyperus involucratus), unha nova mancha de cana, e outra de Conyza canadensis.

Cara o mediodía houbo un descanso para comer e retomar folgos. O grupo reuniuse nun punto medio e logo de descansar, continuaron os traballos, desta vez só na principal mancha de cana e na outra mancha de cana e Conyza. Os traballos continuaron ata as 6 da tarde, momento no que se recolleron os restos vexetais en sacos, para pesalos e contabilizalos.

Chegou o momento do descanso e de disfrutar de tan maravilloso espazo. O grupo visitou a lagoa de San Pedro de Muro, dende onde observaron diversas especies de aves acuáticas, e remataron coa visita á lagoa de Xuño.

O traballo coas especies invasoras debe realizarse dun xeito continuado, por iso ADEGA leva traballando desde 2011 neste espazo protexido, desde entón tense visto unha importante redución do número de exemplares de herba da Pampa, case inexistentes hoxe en día neste espazo. Pola súa banda a Conyza e a cana son as especies máis abundantes, que aínda que teñen reducido a súa expansión en certos puntos, non se debe baixar a garda. É preciso pois proseguir con estes traballos anualmente, e evitar que se produzan novos vertido s de refugallos e entullos, unha das principais causas de presenza destas especies.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal