Inicio / Novas / ADEGA Nacional / PLISAN, a nai de todos os polígonos: 15 anos, 120...
20-04-2015
ADEGA presentou alegacións ao enésimo intento da Xunta de dotar de contido ao maior polígono industrial de Galiza, con máis de 4 millóns de m2. En cómodas doses eleitorais, e despois de 15 anos e máis de 120 millóns gastados, Xunta, Autoridade Portuaria e Zona Franca de Vigo van "achegar" outros 36 millóns para "urbanización e acondicionamento".
O da PLISAN é o exemplo máximo da absurda política de promover enormes polígonos industriais non como medio senón como fin en si mesmo. Sen ter en conta a demanda, as sinerxias con outras instalacións similares e próximas e sen considerar aspectos tan fundamentais como a cualificación urbanística, a propiedade do chan e as servidumes, a tramitación desta infraestrutura é exemplo máximo de chafallada e desbaldimento de cartos públicos.
O resultado: diversas sentenzas que obligaron a Xunta, Autoridade Portuaria e Zona Franca de Vigo a excluir unha cuarta parte da superficie inicial e a indemnizar aos expropiados, gastando outros 7,7 millóns en compensacións. Engádense pois aos máis de 100 millóns xa gastados e aos 22 dunha autovía propia (AG-51, curiosamente denominada "ecopista") construida e actualmente sen uso, agás para practicar ciclismo ou pasear, xustificando agora ou seu paradóxico nome.
Agora as tres administracións veñen de anunciar, coindindo casualmente cun ano eleitoral, o "investimento" doutros 36 millóns de € en catro anos para, entre outras cousas, construir unha rede de traída de auga e sumidoiros para as inexistentes industrias, ademais dunha depuradora.
Curiosamente, esta infraestrutura tenta venderse como de uso compartido para as parroquias dos arredores. Deixando á marxe o feito de que as necesidades de depuración das industrias e dos núcleos urbanos son moi diferentes, tentar camuflar este novo desbaldimento de cartos nunha infraestrutura sen demanda e que leva 15 anos parada, como se fora de interese público, só resposta a unha evidente intención eleitoral.
Para unha sociedade castigada pola crise e os recurtes, seguir enterrando millóns de € de cartos públicos nunha infraestrutura que naceu morta e que agora ninguén demanda, resulta case obsceno.
Só se xustifica, xa que logo, polo interese eleitoral e curtopracista dos responsábeis políticos e/ou pola pola miopía ou comenencia dos que dende a administración pretenden seguir engordando as contas das construtoras, principais beneficiarias do gasto en infraestruturas inútiles.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal