ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Ferrolterra esixe a retirada da ordenanza...

13-04-2015

ADEGA-Ferrolterra esixe a retirada da ordenanza sobre a tenza de animais en Ferrol

A imposibilidade de que os cans poidan acceder a “nin sequera un centímetro” das zona axardinada, impide que as mascotas poidan ter unha vida digna, ademais dunha grande incomodidade para os/as donos/as dos animais. Con esta normativa non hai unha sola zona da cidade, exceptuando os parques caninos (actualmente 3), onde os cans poidan realizar as súas necesidades, xa que prohibe expresamente que os animais poidan mexar no mobiliario urbano e nas fachadas dos edificios baixo sanción económica. Esta circunstancia fai imposible que os animais leven unha vida digna sen a ameaza de que os seus donos sexan sancionados.

A pesar da recente creación de dous parques caninos, e da próxima apertura de dous máis, a xuízo de ADEGA estes espazos son claramente insuficientes para todos os cans da zona urbana, e as/os donas/os de cans que residan nos barrios de Ultramar, Recimil, ou Ferrol Vello non poderán disfrutar destes espazos e terán que pasear os seus cans incumprindo esta normativa e baixo ameaza da sanción. Ademais, estes espazos de esparexemento canino non dispoñen nin de doble porta, que evitaría escapes involuntarios de animais, nin unha zona separada para as razas perigosas. Así mesmo, a superficie destes espazos é tan reducida que non permite o uso de máis dunha ducia de animais á vez.

Trátanse pois de espazos construídos “de presa e correndo” para contentar á veciñanza molesta con esta normativa pero que non corrixe os erros dunha ordenanza elaborada para criminalizar os propietarios de mascotas e que dista moito de fomentar a coexistencia entre humanos e mascotas na cidade.

ADEGA lamenta a oportunidade perdida polo concello para prohibir os espectáculos con animais xa que esta normativa podía ter servido para poñer a Ferrol na vangarda do respecto polos animais, prohibindo estes espectáculos como xa fixeron outros concellos de Galiza como Teo, Betanzos ou Ares. Con esta normativa seguen a estar permitidos no concello circos, touradas, etc, a pesar de que neses espectáculos os animais sofran torturas coa única finalidade de divertirnos e entreternos.

Por todo esto, ADEGA esíxelle ao concello que derogue a ordenanza e elabore unha nova tendo en conta estas demandas, máis aínda cando a súa elaboración levouse a cabo dun xeito opaco, sen que a cidadanía, nin as asociación ecoloxistas ou animalistas fosen consultadas.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal