ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA e outros 7 colectivos móvense para salvar o...

12-03-2015

ADEGA e outros 7 colectivos móvense para salvar o xacemento arqueolóxico das Catedrais

O vindeiro domingo 22 de marzo comezará a campaña na defensa do forno romano cun roteiro por este e por outros xacementos costeiros relevantes da Mariña.

Tras os temporais

No inverno de 2014 os temporais afectaron gravemente varios xacementos costeiros da Mariña, entre os que se atopa o xacemento romano da praia de Esteiro, situado na Praia das Catedrais. Neste sitio arqueolóxico pódense ver os restos dun forno destinado á cocción de cerámica, do que se conserva parte da estrutura do que posiblemente fose un complexo romano máis amplo. Tamén se acharon numerosos fragmentos de olas de gran tamaño, denominadas dolium, e utilizadas para a almacenaxe de mercadorías. Deste tipo de cerámica, tamén atopamos restos nunha pequena península na praia das Catedrais.

No último ano, Mariñapatrimonio leva insistindo de forma reiterada e discreta, que a Xunta actúe recollendo os materiais arqueolóxicos, documentando as estruturas que se conservan e, na medida do posible, procurando medidas de protección para este xacemento.  Porén, xa hai tempo que temos claro que a administración encargada de protexer este patrimonio non vai moverse nin implicarse para salvar o forno de Esteiro e que teremos que ser a sociedade civil responsable a que procure a súa recuperación. 

Con este obxectivo, Mariñapatrimonio presentou un proxecto de intervención arqueolóxica perante a Dirección Xeral de Patrimonio, no que se pretende facer un estudo do xacemento e recuperar os seus restos arqueolóxicos ademais de intentar protexelo. Polo momento, non recibimos a pertinente autorización da Xunta. Será o goberno galego quen decida se actúa a D.X de Patrimonio, se nos permite actuar a nós, en representación da sociedade civil, ou se deixará que actúe o mar facendo desaparecer o xacemento.

Mentres se agarda pola autorización da Xunta, diferentes asociacións imos iniciar unha campaña para darmos a coñecer a zona das Catedrais como sitio arqueolóxico. Nesta tarefa están involucradas oito entidades asociativas de tipo cultural, ambiental e veciñal e que son Mariñapatrimonio, a asociación ecoloxista ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira ou a Irmandade de Santo Estevo. A campaña comezará o domingo, 22 de marzo, cun roteiro polos xacementos arqueolóxicos da contorna das Catedrais, que divulgará valores da zona até agora descoñecidos.

O segredo aínda non revelado das Catedrais

veta nas catedrais

Este roteiro permitiranos desvelar un dos segredos mellor conservados das Catedrais. Practicamente ninguén sabe que nas Catedrais, a 500 m do xacemento romano de Esteiro, hai unha canle picada na rocha semellante ás empregadas polos romanos na condución de auga para as explotacións mineiras de ouro. Tamén é de recente descubrimento  que as covas desta praia tan visitada e singular seguen vetas auríferas, segundo nos teñen confirmado  varios xeólogos.

Esta hipótese non resulta sorprendente, se pensamos que toda a zona oriental da Mariña é rica en ouro e que abundan as explotacións auríferas da época romana. Non só atopamos minas terra  adentro, senón que tamén se atopan rexistros dos labores mineiros na costa, con galerías que foron abertas dende os cantís e dende as praias, como é o caso das galerías do castro do Carreiro en Foz ou as de Salave en Tapia. Por tanto, cumpriría estudar se existe algunha conexión entre as vetas auríferas, a canle picada na rocha e o forno romano das Catedrais para saber se desta praia os romanos tamén extraeron ouro.

Roteiro polos xacementos arqueolóxicos da Mariña (22 Marzo)

O percorrido do roteiro será de 8 km e de dificultade baixa e durará toda a xornada, desde as 10.30 horas. Ao longo de toda a costa, visitaremos os seguintes xacementos ou puntos de interese:

POLA MAÑÁ:

  • Punta do Castro en San Miguel de Reinante.
  • Praia de Arealonga, na que veremos unha turbeira na que se conservan restos dun bosque de hai oito mil anos.
  • Percorrido polo areal ata a praia das Catedrais, aproveitando que teremos marea baixa.
  • As Covas das Catedrais, onde veremos as vetas auríferas.
  • Percorrido pola parte alta dos cantís das Catedrais para observar a canle picada na rocha.
  • Visita ao forno de cerámica romana de Esteiro.       

canle escavada na rocha das Catedrais

         
POLA TARDE:
O percorrido da tarde farase en bus e coches particulares e visitarase:

  • Castro da Devesa.
  • Castro de Meirengos.
  • Cetárea de Rinlo e a Lagoa “Daniel Vispo”.
  • Castro de Piñeira.
  • Castro das Grobas.



Reserva de praza e prezos

cartaz

SAÍDA DESDE SAN MIGUEL DE REINANTE
Se te queres unir á ruta desde San Miguel de Reinante, debes facer a túa reserva de praza chamando por teléfono ao  619553236, ou enviando un mail a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.

Hora de saída:  10:30 horas, no aparcadoiro de autobuses da praia de Arealonga, en San Miguel de Reinante.

Prezos:
Podes reservar o xantar no restaurante ou levar comida para o camiño.

  • Sen xantar: 2€ socios/ 5€ non socios.
  • Con xantar: 15 € socios/ 20€ non socios.
 
SAÍDA DESDE LUGO: 
Se queres acudir ao roteiro desde Lugo, debes reservar praza chamando por teléfono ( 982240299, 679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.

Hora de saída:
09:00 horas, fronte a Facultade de Formación do Profesorado (Av. Ramón Ferreiro).

Prezos:
Pódese reservar o xantar nun restaurante da zona ou levar comida para o camiño.
  • Sen xantar:  5€ menores de 17 anos/ 10€ socios/15€ non socios/12€ parados, xubilados e estudantes.
  • Con xantar: Haberá que sumar aos prezos anteriores 13€ máis.

XANTAR

As persoas participantes poderán levar comida para xantar polo camiño  ou reservar praza no restaurante a Yenca de San Miguel de Reinante. Nese caso, deberá avisar cumpridamente de que quere comer de restaurante ao formalizar a reserva de praza.Menú:
  • Ensaladilla
  • Cordeiro
  • Tarta de queixo.
  • Inclúe viño da casa, casera, pan, auga e café.
  O menú pódese variar previo aviso.

As persoas interesadas en participar deberán levar para o camiño calzado e roupa axeitados.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal