ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Medidas urxentes para evitar a destrución do...

02-03-2015

Medidas urxentes para evitar a destrución do xacemento de Estabañón

Retirada das árbores que protexían o xacemento

MariñaPatrimonio, ADEGA e o Colectivo “Pensamento e Sementeira” tememos que os inmediatos temporais costeiros acaben por destruír o xacemento arqueolóxico de Estabañón e pedimos ás institucións competentes, Servizo de Costas do Ministerio de Medio Ambiente e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que tomen medidas precisas, urxentes e eficaces para evitar o seu progresivo deterioro.

Xa en 2014, os fortes temporais evidenciaron a fraxilidade dalgúns xacementos arqueolóxicos costeiros da Mariña e, de todos eles,o que máis deterioro sufriu foi o xacemento viveirense de Estabañón, unha vila e factoría romana emprazada na praia de Area. A súa localización no mesmo areal faino especialmente vulnerable ao efecto devastador das ondas. Os temporais do ano pasado destruíron varias estruturas da factoría e provocaron a perda de abundante material arqueolóxico.

Xacemento antes do efecto das cicloxéneses de 2014

Ante esta desfeita, o Servizo de Costas, inexplicablemente, retirou as árbores situadas diante de parte do xacemento que, segundo expertos consultados polas organizacións mencionadas, representaban unha barreira natural de protección para o xacemento. Esta desafortunada actuación súmase a outras igual de desatinadas que se teñen realizado con anterioridade en Estabañón, como o intento de construción dun paseo marítimo sobre o xacemento ou a falta de protección, durante anos, nas catas arqueolóxicas levadas a cabo por Costas.

Na actualidade, sen outra medida protectora que unha insuficiente e ridícula capa de xeotéxtil e 30cm de area que cobren o xacemento, Estabañón é máis vulnerable que nunca. A falta dunha actuación axeitada evidencia o escaso interese das institucións que teñen a obriga de protexer este ben arqueolóxico; sen embargo, evitar a súa desaparición débenos importar tamén aos viveirenses e mariñaos que debemos esixir que se tomen as medidas necesarias para que xacementos como o este non se destrúan. E teñen que tomalas xa.

Estado do xacemento na actualidade

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal