Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Informe sobre o estado dos ríos galegos 2014
11-02-2015
O informe do estado de saúde dos ríos galegos que presenta o Proxecto Ríos establece unha fotografía do estado ecolóxico dos nosos ríos a partir das análises realizadas durante as campañas de primavera e outono polo voluntariado participante. Preséntanse os resultados das inspeccións realizadas, a metodoloxía empregada na realización do informe e as actividades máis importantes desenvolvidas durante o ano 2014.
Existe en 2014 unha diminución acusada dos treitos en moi bo estado de saúde, sobre todo durante a campaña de outono (en 2013 foron o 40%) acadando so o 23%. Os treitos en estado bo se manteñen en valores parecidos aos anos 2012 e 2013. Porén, apréciase un lixeiro aumento dos ríos con saúde moderada e deficiente con respecto a 2013, que de media representaban o 10% – 20% do total dos treitos estudados. En 2014 esta porcentaxe aumenta ata o 15% - 20%. Os valores máis negativos se corresponden cos ríos Sil, Baa, Chanca, Mero e Limia en primavera; en outono os ríos con saúde deficiente foron o Sar, dous treitos do Lonia, do Limia e do Mero, e o río Saíñas.
Ningún dos treitos estudados amosou niveis malos de saúde en primavera. En outono, o río Sar despois do seu paso por Bertamiráns no concello de Ames, o río Lagar e dous treitos do río Mero ao seu paso por Cambre presentaron unha mala calidade ecolóxica.
Dende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con 299 grupos. Da totalidade dos grupos, enviaron as inspeccións de río o 53%, porcentaxe moi parecida anos anteriores: 52% en 2013 e 55% en 2012. En canto á participación por provincias, A Coruña (40%) é a que máis grupos aglutina seguida pola de Pontevedra (38%). Lugo é Ourense teñen unha participación máis discreta con porcentaxes do 13% e 9% respectivamente.
A bacía das Rías Baixas é a que aglutina a maior parte dos grupos participantes e na que máis inspeccións se realizan. Respecto a outros anos (2010-2013) apréciase un aumento na participación na conca do Arco Ártabro e un lixeiro ascenso na do Miño – Sil. A conca dos ríos que verten ao Cantábrico mantense en valores parecidos aos anos 2012 (4%) e 2013 (7%), cun 5% en 2014.
En función dos datos recibidos, podemos afirmar que o estado de saúde dos treitos analizados en 2014 foi nun 43 % moi bo na campaña de primavera e nun 35% en estado bo; en outono o 40% estiveron en estado bo, correspondéndolle ao estado moi bo un 23%. Observáronse treitos con saúde moderada (19% en primavera; 16% en outono) e deficiente (6% en primavera; 12% en outono). Como conclusión podemos determinar que a calidade da auga nos ríos estudados polo voluntariado empeora lixeiramente con respecto a 2013, o 80% dos ríos estudados tiña saúde boa ou moi boa; en 2014 esta porcentaxe foi do 70%.
En canto á calidade do bosque de ribeira, nos últimos anos establecíase unha tendencia cara a degradación das marxes dos nosos ríos que en 2014 se volve a manifestar. Así, as marxes moi degradadas en primavera supoñen un 15% do total e un 20% en outono. Existíu variación en canto a número dos treitos coas marxes ben corservadas, que en 2013 foi dun 42% de media e en 2014 do 39%. Os treitos de río con alteracións importantes diminúen lixeiramente. Isto pode indicarnos outra preocupante tendencia: as marxes con alteracións importantes evolucionan cara a degradación en vez de cara a recuperación. Os treitos estudados coas dúas marxes moi degradadas correspóndense cos ríos Corgo, Rialdarca, Lagar, Sarela, Gallo, Saíñas, Valdexería e Limia. Podemos concluír que no bosque de ribeira segue a haber un deterioro constante, que este ano 2014 se traducíu nun leve empeoramento da calidade das augas.
En canto á calidade do hábitat, os datos aportados polo voluntariado revelaron que, nos treitos estudados, o hábitat estaba ben constituído nun 62%, con alteracións nun 36% e empobrecido nun 2% na campaña de primavera. En outono, as porcentaxes se distribúen do seguinte xeito: ben constituído, 64%; con alteracións, 34%; empobrecido, 2%. Os valores da calidade do hábitat en 2014 son mellores aos obtidos en 2013. Os resultados amosan que a maioría dos treitos teñen o hábitat ben constituído. Aínda así, aproximadamente o 40% dos treitos de río estudados amosaron alteracións e degradación no seu hábitat, creando unha situación incerta en canto a súa evolución. Os treitos de río, ao seu paso por vilas e cidades, como os ríos Sar, Limia, Mero, Baa, Chanca, Lonia e Saíñas son os que amosan estados de saúde máis delicados pola forte presión humana á que están sometidos, ou ben aqueles que están próximos á súa desembocadura, onde a corrente de auga perde velocidade e poden acumular máis contaminantes.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal