ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O Concello de Cospeito, multado con 30.600 € por...

28-01-2015

O Concello de Cospeito, multado con 30.600 € por vertidos á Lagoa de Cospeito denunciados por ADEGA

Lagoa grande de Cospeito

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil sanciona ao concello de Cospeito por infrinxir a Lei de Augas ao contaminar o Río Guisande, que desemboca no espazo protexido da Lagoa grande de Cospeito, con vertidos de augas residuais procedentes da antiga depuradora municipal situada en Feira do Monte, parroquia de Sistallo. Segundo a CHMS, os vertidos que afectaron ao humidal protexido foron realizados sen a preceptiva autorización do Organismo de bacía e tiveron lugar nunha zona declarada húmida de especial protección, alén de ser zona de especiais valores naturais, Lugar de Interese Comunitario e Rede Natura.

Os feitos que derivaron neste expediente sancionador foron denunciados ante o Organismo de bacía pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e o Seprona en outubro de 2013. Tras esta denuncia o Concello de Cospeito presentou alegacións que a Confederación considerou irrelevantes para o obxecto do expediente sancionador, que finalmente resolveu contra o concello impoñéndolle unha multa de 26.611,16 euros, máis unha indemnización polos prexuízos xerados de 3.991,68 euros.

Tras a denuncia de ADEGA, ademais dos prexuízos causados á Lagoa Grande de Cospeito polos vertidos ao seu afluente, o río Guisande, a Confederación Hidrográfica tamén constatou que as augas residuais mesmo contiñan contaminantes perigosos, como o amonio, poñendo en perigo a rica biodiversidade do humidal.

ADEGA solicita á Confederación que obrigue ao concello de Cospeito a facer fronte á multa e indemnización correspondentes, dando cumprimento á normativa en vigor e como acción exemplificante para que non se volvan producir episodios de contaminación similares causados polo mal funcionamento ou obsolescencia das estacións depuradoras municipais, nomeadamente cando poñan en risco espazos protexidos ou cando xa existan novas instalacións destinadas a tal fin, como é o caso.

A organización ecoloxista insta ao Concello de Cospeito a poñer en funcionamento  a nova EDAR municipal, construída ás beiras do río Támoga precisamente para resolver o problema dos reiterados vertidos contaminantes procedentes da antiga EDAR, e que leva varios anos inactiva á agarda de ser conectada á rede eléctrica.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal