ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA reclama da Xunta máis eficiencia e rapidez...

16-12-2014

ADEGA reclama da Xunta máis eficiencia e rapidez nas indemnizacións por ataques do lobo

Para unha aceptable xestión do lobo é norma básica, na que todo o mundo coincide, que as indemnizacións por ataques de lobos ao gando deben ser moi eficaces, entendendo por tal que sexan sinxelas na tramitación, rápidas e xenerosas, ou, cando menos, xustas. A razón polo que isto ha de ser así é que, eliminadas moitas especies salvaxes, sen a tolerancia dos gandeiros a conservación do lobo é, sen paliativos, inviábel.

Recentemente en ADEGA directamente ou através dos medios de comunicación, estamos a percibir queixas en canto a atrasos nois cobros e atrancos nas tramitacións, dado o complicado do asunto e por falla do servizo de atención aos afectados durante as fins de semana.

Por esta razón queremos facer un chamado á Xunta e particularmente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas) para que se tomen as medidas necesarias para evitar o descontento en aqueles que, con moito sacrificio, están servindo a comida ao noso emblemático gran depredador.
Na era de internet resulta incríbel que a Xunta non dispoña dunha aplicación para recibir avisos de ataques en tempo real e os donos do gando non teñan que estar perseguindo á gardería inutilmente en días festivos.

Os nosos gandeiros e gandeiras xa teñen demostrado historicamente unha paciencia infinita con respecto a este tema (salvo as consabidas excepcións que non veñen ao caso), e é portanto, obriga dos que defendemos a existencia de todas as especies que poñamos empeño, tomando as medidas oportunas, en que o coidado da nosa diversidade biolóxica, incluído o lobo, non sexa unha carga máis para a precaria economía rural galega.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal