25-11-2014
Representantes de ADEGA entrevistáronse o pasado luns cos diferentes grupos políticos do Parlamento Galego para expoñer a situación de risco pola que está a atravesar a Cova de Eirós de Triacastela, logo de que Cementos Cosmos eliminase a capa de solo e de material xeolóxico que protexía a planta da cavidade.
Adela Figueroa e Fins Eirexas de ADEGA foron recibidos por Ángel Camino e Román Rodriguez do Partido Popular; Francisco Caamaño e Patricia Vilan, do Partido Socialista de Galicia e por Carmen Iglesias e Consuelo Martínez do Grupo Mixto. Anteriormente, ADEGA xa mantivo reunións con voceiros do BNG e AGE, formacións que xa pronunciaron publicamente o seu rexeitamento fronte as agresións que está a sufrir a Cova por parte da canteira de Cosmos.
ADEGA pediulle aos parlamentarios que insten ao goberno de Núñez Fijóo a facer efectiva a declaración da Cova de Eirós como Ben de Interese Cultural, título que xa lle corresponde por lei e que adquire de xeito automático ao seren atopadas pinturas rupestres nas súas paredes. Tamén lles solicitou que insistan ante a o Executivo para que ordene a avaliación in situ dos danos que a explotación mineira puidese ter efectuado xa no xacemento e certificar o seu estado actual de conservación. Así mesmo, demandouse a elaboración dun Plano de Acción para protexer, estudar e dar a coñecer esta xoia histórica, arqueolóxica e cultural que podería converterse nun dos motores económicos e culturais da zona, de Galiza e do mundo.
Os parlamentarios das diferentes formacións amosaron en xeral boa acollida ás propostas de ADEGA, aínda que se botou en falla un compromiso máis firme e decidido na procura dunha protección máis efectiva para a Cova de Eirós, sobre todo por parte do grupo parlamentario popular. Os representantes do PP deixaron constancia da pouca sensibilidade que o seu partido profesa na conservación do noso patrimonio histórico-cultural, xa que lle confiren máis relevancia aos prexuízos económicos que a protección da Cova lle puidese ocasionar á explotación mineira que á posible desaparición do que podería ser o xacemento paleolítico máis importante de Galiza, asimilable a outras covas como as de Atapuerca ou Altamira.
Na Cova Eirós atopáronse os restos máis antigos (118.000 anos) dos primeiros seres humanos habitantes da Península, do Home Neandertal, e restos do Homo Sapiens ou de Cromagnon, datados en máis de 20.000 anos, converténdose nun dos poucos xacementos nos que conflúen todas estas pegadas nun mesmo lugar. Así mesmo, en 2012 atopáronse nas paredes da cova pinturas e gravados aos que se lles supón unha antigüidade de máis de 20.000 anos, e que agora están en estudo. A Cova de Eirós tamén foi usada na Idade Media como refuxio e almacén, polo que se trata dun tesouro arqueolóxico e paleontolóxico valiosísimo.
No obstante, a cavidade está ameazada por unha canteira de calcario cuxo proceso extractivo xa chegou aos 50 metros por riba do teito da cova. O desmantelamento da cuberta vexetal e mineral por cima, está a provocar infiltracións que poñen en perigo as pinturas, en concreto, e o Santuario galego do Paleolítico, en xeral.
Alén disto, o Camiño de Santiago tamén se ve afectado por esta explotación de ceo aberto, ao pasar xunto ao seu carón e desde o cal se fai ben visible a ferida ambiental.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal