ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Unha canteira en pleno Parque de Corrubedo, LIC,...

05-08-2015

Unha canteira en pleno Parque de Corrubedo, LIC, ZEPA, ZEC e humidal Ramsar? Coa Xunta todo é posíbel

Corrubedo, un parque natural de cartón-pedra

O complexo húmido de Corrubedo atópase na encrucillada de virar nun santuario representativo da natureza galega, ou seguir sendo un espazo á deriva no que os seus valores e potencial fican ao servizo dos intereses especulativos, urbanísticos e industriais.

23 anos despois da súa declaración, o parque natural de Corrubedo segue sen un PORN (Plano de Ordeamento dos Recursos Naturais) actualizado e aínda non conta cun PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión), malia a ser obrigatorio por lei. A consecuencia disto, multitude de actividades agresivas téñense desenvolvido na súa contorna e mesmo no seu interior, autorizadas ao criterio do responsábel de turno.

Unha destas actividades manifestamente incompatíbeis que se desenvolve dentro do mesmo parque natural é a canteira de Casalnovo, a mesma que hai uns meses nunha voadura, guindou unha rocha de 4kg contra unha casa a medio quilómetro da explotación. A corta da canteira fica por escasos metros fóra do Parque Natural, mais as instalacións de procesado da rocha para area e grava e o parque de maquinaria están dentro da superficie do espazo protexido.

Explosións, ruidos e verteduras á atmosfera e á auga

Resulta inconcebíbel que esta instalación leve operando máis de 23 anos xa non só nos arredores, senón mesmo dentro do espazo protexido. Explosións, ruidos da maquinaria pesada, pó en suspensión e sedimentos arrastrados pola auga que van parar á lagoa do Carregal, colmatándoa, seguen a convivir coa biodiversidade en perigo perante a desidia das administracións.

No parque natural máis visitado da rede galega, os perxuízos desta instalación non son só naturais ou paisaxísticos. A merma da imaxe e da calidade ambiental provocada pola canteira de Casalnovo, podería cuantificarse como lucro cesante, é sen dúbida moito maior que as perdas derivadas do cese da actividade e os custos de pechala.

8 anos e 80.000€ gastados nun novo PORN esquecido nun caixón

Que a administración incumpra sistemáticamente as leis e deixe a estes espazos sen os instrumentos para a súa correcta xestión, non é só neglixencia: é un delicto. O Parque de Corrubedo leva dende 1992 sen PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión) e traballando cun PORN (tamén de 1992) anticuado e caduco. En 3 escasas páxinas, a Xunta estabeceu a zonificación e os usos prohibidos e permitidos, entre os que está a urbanización nun perímetro de 200m dentro do propio parque natural??!!, si así o dispuña o PXOM de Ribeira. Este estremo, ademais de ser insólito, é ilegal xa que un Plano Urbanístico nunca pode prevalecer sobre un PORN.

Para subsanar esta anomalía en 2006 a administración licitou un novo PORN (Plano de Ordenamento dos Recursos Naturais) que foi redactado e entregado en 2007. Este novo plano, elaborado pola USC custou 80.000€ e ficou esquecido dende que o PP chegou á Xunta. Alén de adaptarse á nova lexislación europea, estatal e autonómica o documento establecía unhas condicións ambientalmente máis dignas para este emblemático espazo: ampliaba a superficie do LIC un 79% (máis de 16.500 ha) e conectaba o parque co sector norte, no concello de Porto do Son, tamén na Rede Natura através dun corredor ecolóxico.

O redactor do PORN do 92, acusado de delicto ecolóxico...

Os espazos naturais protexidos poden ser oportunidades de mellora na calidade de vida da poboación residente, se se acompañan dos seus específicos planos de investimento, das compensacións xustas para os seus habitantes e de iniciacivas de desenvolvemento sustentábel. Mais neles non vale todo, e moito menos actividades que subvirten e perxudican o principal obxectivo destes espazos: preservar o noso patrimonio natural.

Ao fío do sangrante caso de Corrubedo, non é pois de estranar que o que fora director do parque dende 1992 até o 2000 e redactor do rocambolesco PORN aínda vixente, Rogelio Fernández, tivera que declarar no xulgado acusado pola Fiscalía de falsidade documental, prevaricación e delicto ecolóxico, neste caso polo dragado ilegal da ría de Ferrol.
O actual xefe do servizo de conservación da Coruña foi tamén o que en 2013, e sendo máximo responsábel en funcións de Conservación da Natureza, marchou de vacacións a Colombia mentres o Monte Pindo ardía a cachón.
Dende ADEGA agardamos que con este caso fágase tamén xustiza con todos os espazos protexidos que, como Corrubedo, foron aldraxados e degradados polo desleixo dos malos administradores.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal