Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA pide a colaboración cidadá para evitar que...
09-09-2014
Eventos deportivos como as carreiras ciclistas adoitan concentrar a numerosas persoas afeizoadas nos puntos máis sobranceiros do percorrido, nomeadamente na chegada. Esta concentración de público, medios e toda a parafernalia organizativa e comercial asociada, adoita xerar importantes cantidades de refugallos, aliás de ruidos e outras molestias.
Ao tratarse de eventos puntuais, os impactos derivados da presión turística sobre a natureza non permanecen, mais sí os residuos (fundamentalmente plásticos) que nunha competición como "La Vuelta" poden chegar a supoñer até 5 toneladas por tirada.
Este ano a carreira ciclista española ten novamente varias xeiras no noso país. A xornada do vindeiro sábado 13 transcorrerá entre a Ribeira Sacra e Os Ancares, dous espazos protexidos de inmenso valor natural e patrimonial. Especial atención merece a fin da tirada no Alto dos Ancares, unha contorna de montaña pertencente á Rede Natura 2000 e fogar do oso pardo cartábrico, un dos mamíferos máis ameazados de Europa e considerado en perigo de extinción.
En ADEGA apelamos á sensibilidade da organización da carreira e das institucións colaboradoras para evitar que este evento acabe repercutindo sobre o patrimonio natural (paisaxe, hábitats e especies) e cultural destes valiosos espazos. É fundamental tamén que os e as visitantes contribúan á conservación destes valores mediante unha conduta responsábel que evite danos á natureza. Seguir as recomendacións da organización, reducir o volume de lixo xerado e xestionalo adecuadamente resulta chave para que Os Ancares non remate sendo un vertedoiro.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal