04-11-2026
As plataformas Ulloa Viva, Non á mina de Touro-O Pino e na Defensa da Ría de Arousa (PDRA), xunto co colectivo ecoloxista ADEGA, instan ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que dea acceso ao contido do acordo ou memorando asinado entre Impulsa Galicia e Altri para desenvolver o proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei, e convidan á cidadanía galega a rexistrar de forma masiva a mesma petición nas dependencias da Xunta.
As entidades desconfían que nese memorando se teña pactado algún tipo de compensación ou compoñenda coa empresa promotora que comprometese a vontade da Xunta e/ou patrimonio público a favor de Altri. Esta información comporta especial interese nun momento no que descoñecemos se a empresa promotora do proxecto ten impugnado o arquivo do expediente de autorización da fábrica de celulosas, e no que o PP ameaza con recuperar o proxecto industrial en caso de que chegue a gobernar o Estado, coa axuda de Vox. Todo apunta a que esa é a súa pretensión unha vez que o PP vén de mudar a Lei de Ordenación do Territorio na Lei de acompañamento dos orzamentos para 2027, co gallo de esquivar a protección dos terreos nos que estaba previsto instalar a factoría de Altri incluídos na Estratexia galega da Infraestutura Verde.
No pasado mes de febreiro o Presidente da Xunta de Galiza afirmaba coñecer o memorando de entendemento asinado en outubro de 2021 no seo da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, S.L. (Impulsa Galicia) con Altri SGPS SA para desenvolver o proxecto industrial de transformación de madeira en “fibra téxtil”. En concreto indicou textualmente nos medios de comunicación: “eu si que o coñezo e ten o carácter de confidencialidade". Ademais, engadiu que “podo asegurar que de principio a fin este expediente foi tramitado con todas as garantías e polo tanto para o seu peche definitivo as observaremos tamén e non hai ningún tipo de compensación prevista nin nada diso".
Porén, nin Alfonso Rueda nin a sociedade público-privada Impulsa Galicia, agora xa extinguida, quixeron compartir coas partes interesadas nos procedemetos administrativos do proxecto e, moito menos, coa opinión pública xeral o contido de dito memorando, a pesar das reiteradas críticas pola falta de transparencia manifestadas polas organizacións sociais, os partidos da oposición ou o propio Consello de Contas.
Finalmente, o asunto acabou no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a instancias da Confederación Intersindical Galega que recorreu en contencioso-administrativo a resolución da denegación de acceso á información requirida da Comisión de Transparencia, entón vencellada á instituación do Valedor do Pobo, a cal xustificaba a súa negativa en que Impulsa Galicia era “un suxeito privado que non está incluído no ámbito de aplicación subxectivo da lexislación de transparencia”.
Á espera do pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre este asunto e unha vez que a entidade Impulsa Galicia xa foi extinguida, as entidades denunciantes diríxense a Alfonso Rueda quen, na súa condición de Presidente da Xunta, está obrigado a facer pública a información que coñeza no exercicio do seu cargo e no ámbito das súas competencias, consonte ao disposto no artigo 3.1.a) da Lei autonómica 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 2.1.a) da Lei estatal 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
Requírenlle que dea conta dos termos que manifesta coñecer, relativos ao contido do acordo, ou acordos, ou memorandos de entendemento, subscritos no seo de Impulsa Galicia coa finalidade de desenvolver o proxecto Gama ou proxecto Altri. Tamén reclaman ao presidente do executivo galego que se ratifique no manifestado publicamente en canto a que non hai ningún tipo de compensación prevista que poida derivarse da recente decisión administrativa de caducidade do procedemento autorizatorio, ou que fose causa de que as empresas promotoras do proxecto tivesen renunciado formalmente a reclamar calquera tipo de responsabilidade patrimonial á Xunta de Galiza.
Así mesmo, animan ás galegas e galegos a presentar masivamente a devandita reclamación de acceso á información e, a tal fin, poñen a disposición da cidadanía un escrito modelo de petición.
Hoxe mesmo, 5 de novembro, o Diario Oficial de Galicia publica a Orde do 4 de novembro de 2026, disposta pola Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se dá cumprimento á Sentenza 60/2026, do 13 de febreiro, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola que se obriga a repoñer no mapa da Infraestrutura Verde e da conectiviade e restauración ecolóxicas de Galiza os terreos nos que estaba previsto instalar a factoría de Altri como zona de amortecemento.
Esta orde publícase logo de que a asociación ecoloxista ADEGA solicitara diante do xulgado a súa execución forzosa á vista de que a Xunta non manifestou o máis mínimo ápice de vontade de darlle cumprimento nos últimos seis meses. ADEGA celebra que se acate a sentenza, malia a ter sido de xeito forzado, e que os terreos afectados pola celulosa recuperen a súa condición de zona de amortecemento na Infraestrutura Verde de Galiza. Isto implica o recoñecemento explícito da Xunta da existencia de hábitats e especies protexidas e de singular valor na área afectada polo proxecto de Altri e que non foron tidas en conta na súa Declaración de Impacto Ambiental. Este recoñecemento implica na práctica a nulidade da DIA, que será impugnada por ADEGA se a Xunta reactivase o proxecto e quixera autorizalo sen pasalo por un novo trámite de avaliación de impacto ambiental.
ADEGA invocará tamén a nulidade da DIA do proxecto en caso de que a Xunta pretenda aplicar a burda trécola legal amañada recentemente na Lei de acompañamento dos orzamentos, pola que se modifica a Lei de Ordenación do Territorio para que non se teñan que integrar nos instrumentos de ordenación do territorio a condición de protección dos espazos da Infraestrutura Verde mentres non sexan seleccionados e declarados formalmente polo Consello da Xunta.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal