ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Pontevedra Sur alerta das eivas ambientais...

28-10-2026

ADEGA-Pontevedra Sur alerta das eivas ambientais de dous proxectos de centrais hidroeléctricas reversibles no río Miño

ADEGA-Pontevedra Sur vén de presentar alegacións aos proxectos das centrais hidroeléctricas reversibles de Crecente e Filgueira, promovidos por Silvana Renovables S.L. e Naturgy Renovables S.L.U., respectivamente. A asociación considera que os documentos iniciais presentan importantes eivas na avaliación das potenciais afeccións ambientais e reclama que os futuros estudos de impacto ambiental incorporen inventarios actualizados, prospeccións específicas sobre o terreo e análises rigorosas dos efectos sobre os ecosistemas e as poboacións da contorna. 

ADEGA solicita tamén que se avalíe a compatibilidade ambiental dos proxectos á luz dos seus impactos directos e acumulativos e que, de non quedar suficientemente acreditada, non se emita unha declaración de impacto ambiental favorable.

Hábitats prioritarios e especies ameazadas

Unha das principais preocupacións de ADEGA é a posible afección sobre os hábitats de interese comunitario presentes na área de actuación. Entre eles figuran os hábitats prioritarios 4020* Breixeiras húmidas atlánticas de zonas temperadas e 91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior. 

No caso de Crecente, ADEGA denuncia importantes reducións na superficie cartografada dos hábitats incluídos no Anexo I da DC 92/43/CEE, que nalgúns casos pasan a ter cero hectáreas. Estas modificacións baséanse en moitos casos en ortofotografías, sen que se acheguen resultados de prospeccións de campo suficientes para xustificar a desaparición ou redución das superficies. 

A asociación reclama inventarios actualizados e cartografía detallada que permitan determinar a distribución real destes hábitats e avaliar os impactos sobre as especies que os utilizan. ADEGA lembra, ademais, que as matogueiras e os queirogais poden albergar unha importante diversidade biolóxica e ofrecer alimento, refuxio e zonas de reprodución para numerosas especies, polo que deben ser tidas especialmente en conta nas avaliacións de impacto ambiental. É o caso da tartaraña cincenta (Circus pygargus), catalogada como Vulnerable e presente na zona, que pode empregar estas formacións como zonas de nidificación. 

Tamén alerta das carencias na avaliación doutras especies protexidas ou ameazadas, como o sapoconcho (Emys orbicularis), cuxa área potencial de distribución abrangue zonas afectadas polos proxectos. No caso da CHR de Crecente, preocupa ademais a proximidade das infraestruturas a unha área de interese para a conservación do desmán ibérico (Galemys pyrenaicus).

O río Miño e os recursos hídricos, no centro da preocupación

As centrais proxectadas suscitan preocupación polas posibles afeccións aos recursos hídricos e aos ecosistemas fluviais. Estes proxectos veñen motivados pola concesión da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para un aproveitamento hidroeléctrico cun caudal solicitado de 40.000 L/s. O proxecto de Naturgy contempla un caudal de bombeo de 73.200 L/s, mentres que no caso de Silvana Renovables S.L., este ascende a 80.000 L/s. No caso de Crecente, prevese utilizar o encoro de Frieira como depósito inferior e construír un novo depósito superior, nunha área na que o documento inicial identifica 108 captacións de auga. 

ADEGA-Pontevedra Sur reclama unha análise hidrolóxica e hidroxeolóxica específica que permita avaliar as posibles interaccións entre o funcionamento das centrais, os sistemas de bombeo e turbinado e as augas superficiais e subterráneas. Tamén solicita que se concreten as necesidades de auga dos sistemas auxiliares e que se analicen os posibles efectos sobre a temperatura e a calidade da auga. A asociación alerta, así mesmo, dos riscos asociados aos movementos de terras, á apertura de accesos e á construción de grandes recheos e noiros. Estas actuacións poden incrementar a erosión e a escorredura superficial, favorecendo o arrastre de sedimentos cara aos regatos e cursos fluviais e provocando afeccións ao solo, á vexetación e aos ecosistemas acuáticos.

Auxe das centrais reversibles: tres proxectos na contorna

Aos proxectos de Crecente e Filgueira súmase unha terceira central hidráulica reversible proxectada na conca do Avia. ADEGA considera imprescindible avaliar conxuntamente as tres iniciativas para determinar os seus posibles efectos acumulativos e sinérxicos sobre o río Miño, os ecosistemas fluviais, os hábitats e as especies asociadas. 

As centrais reversibles (CHR) permiten almacenar enerxía mediante o bombeo de auga entre dous encoros ou masas de auga situadas a distintas cotas e producir electricidade posteriormente mediante turbinado. Estes sistemas poden dar estabilidade ao sistema eléctrico, reducindo a dependencia de terceiros e de fontes non renovables, mais a súa construción implica elevados custos e longos prazos de execución, ademais de provocar importantes transformacións nos ecosistemas, na paisaxe e no balance hídrico. Ademais, a asociación lembra que estas instalacións tamén precisan consumir electricidade para bombear a auga, polo que os custos de operación poden dispararse e mesmo facer que o seu funcionamento dependa de fontes non renovables. 

Para ADEGA-Pontevedra Sur, o impulso ao almacenamento enerxético e a integración das fontes renovables deben ser compatibles coa conservación da biodiversidade, a protección dos recursos hídricos e a preservación da paisaxe e do patrimonio, e non poden xustificar unha avaliación ambiental menos rigorosa. 


Imaxe 1: Miradoiro de Guillade / Autoría: Concello de Crecente.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal