ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA acode á Valedora do Pobo pola proliferación...

21-10-2026

ADEGA acode á Valedora do Pobo pola proliferación ilegal e incontrolada de eucalipto favorecida pola neglixencia da Xunta

A Xunta só ordenou a retirada do 1,69% das plantacións ilegais de eucalipto denunciadas por ADEGA tras a entrada en vigor da moratoria en 2021

O eucalipto, totalmente descontrolado!

ADEGA reclama á Valedora do Pobo que abra unha investigación pola actuación neglixente da Xunta de Galiza, e principalmente da Consellería de Medio Rural, que está a provocar a proliferación descontrolada de plantacións de eucalipto infrinxindo a normativa e incrementando a vulnerabilidade do territorio galego fronte aos incendios e a seca.

Galiza experimenta desde hai décadas unha expansión vertixinosa das plantacións de eucalipto, que progresivamente substitúen outras coberturas vexetais como masas de bosque húmido autóctono, pasteiros, terras agrícolas e áreas de matogueira, entre outros. Arestora, a superficie de eucalipto, segundo datos oficiais da propia Xunta, supera xa as 438.000 hectáreas (sen ter en conta as masas mixtas con outras especies).

Detrás desta expansión incontrolada está a inactividade e o desleixo da Xunta á hora de aplicar a normativa en vigor, xa que multitude de plantacións infrinxen o disposto na Lei 7/2012 de Montes, na Lei 3/2007 de Prevención de Incendios e nas sucesivas moratorias decretadas pola propia administración, sen que esta actúe de oficio para esixir o cumprimento da norma.

En 2021, a Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria estableceu na súa disposición transitoria novena unha moratoria de tres anos para novas plantacións de eucalipto. Cinco anos despois, podemos dicir que a moratoria foi un absoluto fracaso. O Plan Forestal de Galiza preveu un aumento das plantacións de eucalipto do 3% para o período 2021-2025 e unha rebaixa dun 4% e 5% para os anos 2035 e 2040. Segundo os datos do Inventario Forestal Continuo de Galiza (IFCG), desde o inicio da moratoria en 2021 produciuse un incremento dunhas 30.000 hectáreas, o que supón un aumento do eucalipto de case o 7%, máis do dobre do previsto para este período, mentres que a superficie de frondosas retrocedeu un 0,7 %.

Desleixo, escurantismo e impunidade por parte da Xunta

Este desfase respecto ás previsións débese, en parte, a que a moratoria se anunciou varios meses antes da súa entrada en vigor, causando un claro "efecto chamada". Mais tamén resultou chave a inactividade e a neglixencia administrativas: por unha banda, a renuncia a inspeccionar de oficio, e por outra, o incumprimento da obriga de resolver gran parte dos expedientes iniciados tras presentarse denuncias. Este escandaloso absentismo da Xunta espalla a mensaxe de que a normativa non serve de nada e que as infraccións en materia forestal van quedar impunes.

Paralelamente, a Consellería de Medio Rural segue a autorizar o cambio de uso forestal a agrícola e a tala de bosque autóctono para ampliar a superficie de pasteiros. Prodúcese así unha situación aberrante: mentres a Xunta autoriza a corta de masas de frondosas para recuperar superficie de prados e pasteiros, tolera coa súa pasividade a ocupación ilegal destes con eucalipto. Un contrasentido que pon de manifesto a non-política de "deixar facer" cun elevadísimo impacto medioambiental e aumento dos riscos -lumes catastróficos- para a cidadanía.

Tampouco se coñecen datos oficiais da Xunta sobre o control das plantacións ilegais de eucalipto, senón só artigos de prensa. Dende a entrada en vigor da moratoria en xullo de 2021 e até xullo de 2025, ADEGA denunciou 680 parcelas con plantacións ilegais deste monocultivo. Fronte a estas denuncias, a Xunta raramente actúa de oficio, polo que deixa a expensas da veciñanza e as organizacións cidadás as tarefas de control e denuncia que corresponden aos organismos públicos.

A meirande parte dos expedientes incoados non chegan nunca a resolverse, e incumpren así a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo. Nos casos nos que se culmina un expediente sancionador (1,69%), as multas son de escaso importe e as plantacións de eucalipto case sempre fican sen ser retiradas, polo que se incumpre tamén a obriga de reparar o dano do art. 133 da Lei de Montes.

Semellante desleixo institucional contribúe a que, na práctica, as plantacións de eucalipto gocen dunha impunidade que abeira na prevaricación. E a situación vai empeorar coas novas medidas de flexibilización da "moratoria" anunciadas pola Xunta nos orzamentos do vindeiro ano, nos que, por certo, non se prevé ningún aumento das partidas destinadas a vixiar e a facer cumprir a normativa forestal nin a de prevención de incendios.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal