ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Centos de persoas voluntarias retiran 1 tonelada...

20-10-2026

Centos de persoas voluntarias retiran 1 tonelada de lixo no marco da XV Limpeza Simultánea de Praias

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) reuniu esta pasada fin de semana máis de 830 persoas voluntarias na XV Limpeza Simultánea de Praias, unha iniciativa que mobilizou entidades e colectivos de todo o país para retirar o lixo dos areais galegos e denunciar a problemática ambiental dos residuos mariños. En total, participaron persoas voluntarias de 22 concellos da costa galega, que retiraron máis dunha tonelada de lixo, unha cifra que aínda podería aumentar coa incorporación dos últimos datos pendentes.

Nesta edición, desenvolvida durante unha fin de semana de tempo solleiro, o voluntariado volveu demostrar o seu compromiso coa conservación do litoral e coa necesidade de manter as praias libres de residuos. Baixo o lema "Únete á marea!", a convocatoria contou coa participación de asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino e outras entidades, así como de persoas particulares.

As cabichas e os microplásticos, entre os residuos máis preocupantes

Entre os residuos atopados nos areais, volveron destacar as cabichas, un problema recorrente que persiste mesmo nalgunhas praias incluídas na iniciativa "Sen Fumes". A súa presenza pon de manifesto a importancia de seguir traballando na prevención e na concienciación sobre o impacto ambiental dos residuos asociados ao consumo de tabaco.

Outro dos aspectos máis preocupantes foi a presenza de microplásticos. Aínda que estes residuos representan unha cantidade reducida en termos de peso, a súa abundancia e o seu impacto ambiental resultan especialmente preocupantes. A súa identificación e recollida permiten chamar a atención sobre unha forma de contaminación que pode pasar desapercibida, pero que afecta directamente aos ecosistemas costeiros e mariños.

Ademais, nesta edición observouse un aumento da presenza de toalliñas húmidas nos areais, un residuo que evidencia a necesidade de mellorar os hábitos de consumo e a xestión dos produtos de hixiene.

Un problema que comeza moito antes de chegar ao mar

As limpezas organizadas por ADEGA son accións ecolóxicas e non mecanizadas que buscan retirar residuos dos areais, pero tamén sensibilizar sobre as causas da contaminación mariña. O modelo de produción e consumo baseado no "usar e tirar", a deficiente xestión dos residuos e a falta de concienciación continúan a ser factores clave nesta problemática.

ADEGA lembra que estas iniciativas non deben entenderse como accións illadas, senón como unha chamada á prevención e á responsabilidade colectiva. Reducir o consumo de produtos desbotables, evitar o abandono de residuos e mellorar a súa xestión son medidas fundamentais para impedir que o lixo chegue aos ríos, ás praias e, finalmente, ao mar.

A asociación ecoloxista agradece a participación de todas as persoas voluntarias e entidades que fixeron posible esta XV edición da Limpeza Simultánea de Praias e anima a continuar colaborando na conservación do litoral galego. Así mesmo, lembra a importancia de recoller o lixo manualmente, respectando os ecosistemas dunares e tendo especial coidado coa fauna e a flora que habitan neles.

Concellos colaboradores

Esta actividade conta coa colaboración dos concellos de Ares, Cangas, Fene, Muros, Nigrán e O Grove.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal