14-10-2026
ADEGA-Lugo emprende accións xudiciais contra a ampliación do polígono industrial proxectada sobre a cabeceira do río Rato. A asociación acadou o obxectivo mínimo de recadación necesario para defender nos tribunais este espazo natural. En concreto, a campaña “Río Rato sen cemento” contou con máis de 200 doazóns, unha resposta que, para a organización ambiental, demostra que existe unha parte importante da sociedade lucense disposta a implicarse na defensa do patrimonio natural da cidade.
O presidente de ADEGA-Lugo, Xosé Manuel Rodríguez, destacou en rolda de prensa que o resultado da campaña vai moito máis alá da cantidade recadada:“O máis importante desta campaña é comprobar que hai moitas persoas en Lugo dispostas a defender o seu patrimonio natural. Máis de 200 doazóns demostran que as nacentes do Rato importan e que existe unha sociedade activa que non quere que estes espazos sexan sacrificados para urbanizar”.
Rodríguez sinalou tamén que a campaña permitiu poñer no mapa un espazo natural pouco coñecido, pero de gran valor ambiental, e facer visible a necesidade de protexer as nacentes do Rato fronte á súa transformación.
A campaña chega a este primeiro obxectivo económico coincidindo cun avance fundamental na vía xudicial. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado por ADEGA o pasado 3 de setembro de 2026 contra o desenvolvemento do Plan Parcial S5-I, que afecta á cabeceira do río Rato.
A admisión a trámite do recurso supón un primeiro paso fundamental para que os tribunais revisen a legalidade dunha actuación urbanística que pode afectar de maneira irreversible a un espazo natural de elevado valor ambiental.
As nacentes do río Rato e a súa contorna conforman un espazo de especial interese ambiental, con pequenos cursos de auga, zonas húmidas, charcas, carballeiras e bosques de ribeira que contribúen á regulación hídrica da cunca do Rato e forman parte do corredor verde que conecta este territorio co río Miño.
ADEGA advirte que a urbanización prevista no sector S5-I suporía a transformación irreversible destes terreos, coa impermeabilización do solo e a alteración dun espazo que desempeña funcións ambientais fundamentais, especialmente nun contexto de cambio climático no que a conservación das zonas húmidas, das masas forestais e das áreas de recarga hídrica resulta cada vez máis necesaria.
ADEGA considera que o proxecto presenta graves deficiencias ambientais e de planificación e fundamenta a súa impugnación na vulneración da normativa urbanística e ambiental vixente.
Entre os principais argumentos do recurso atópanse:
A consecución do obxectivo económico mínimo permite dar este novo paso na defensa das nacentes do Rato. Pero a campaña «Río Rato sen cemento» tamén abriu un proceso de divulgación e sensibilización sobre os valores naturais deste espazo.
ADEGA anunciará proximamente novas actividades para continuar divulgando os valores ambientais das nacentes do Rato e dando a coñecer este espazo á sociedade lucense.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal