Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-A Coruña e o Colectivo Pedras Galladas...
13-10-2026
ADEGA-A Coruña organizou xunto co colectivo Pedras Galladas de Culleredo unha limpeza de lixo no río de Trabe o pasado 3 de outubro, englobada dentro da XIX Limpeza Simultánea de Ríos impulsada polo Proxecto Ríos de ADEGA.
Membros das dúas asociacións e persoas voluntarias uníronse para retirar residuos do río Trabe. Nesta xornada, ademais, de atopar residuos como bicicletas, alfombras de coche ou pequenos pedazos de plásticos de agricultura, tamén constatamos a perda do valor ecolóxico dos ecosistemas das súas beiras. Durante o traxecto de máis dun quilómetro, iniciado no parque Fonte da Balsa, as entidades atoparon 12 especies de plantas exóticas invasoras, cuxa presenza está constatado que despraza as especies autóctonas e diminúe a calidade dos bosques de ribeira.
Desde ADEGA e desde As Pedras Galladas destacan que os bosques de ribeira cumpren un labor fundamental, ao achegar numerosos servizos ecosistémicos como a filtración da auga dos ríos, a proporción de hábitat para os seres vivos que alí viven e a conexión entre as especies que conviven en toda a súa extensión; algo que se aprecia perdido coa introdución das invasoras. Tamén ofrecen beneficios culturais como espazo de lecer e benestar físico e mental.
Dentro das especies exóticas invasoras atopadas, a tradescancia, a herba das pampas ou herba das bolboretas son ben coñecidas polos seus prexuízos e pola dificultade na súa retirada tardía. As entidades piden á administración local unha xestión adecuada para impedir o seu espallamento.
ADEGA e As Pedras Galladas lembran tamén a relevancia de non debrozar a marxe nin o cauce dos ríos, xa que a retirada da vexetación propia destas zonas propicia a entrada de especies oportunistas e diminúe a diversidade; así como da correcta xestión das podas e desbroces, responsabilidade do concello.
Esta é a edición número dezanove da Limpeza Simultánea de Ríos, que busca concienciar a poboación sobre o valor dos ecosistemas que se atopan ao noso redor e da importancia da correcta xestión dos residuos para obter os beneficios que nos achega o contacto coa natureza. A Limpeza Simultánea de Ríos é unha actuación financiada pola Deputación da Coruña e a Confederación Hidrográfica Miño Sil.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal