Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA solicita para usos ambientais os 75.000 l/s...
07-10-2026
A mercantil “A Senra Infraestructuras, S.L.”, sociedade instrumental participada por Iberdrola e Naturgy, presentou ao trámite de competencia na CH Miño-Sil un proxecto do que se descoñece a ubicación exacta, alén doutras características técnicas (potencia, rexime de funcionamento, conduccións, túneles, infraestruturas de captación e evacuación e outras instalacións), e para o que solicitou a concesión de 75 m³/s. Só coñecemos que pretende usar o encoro de Santo Estevo como balsa inferior, e conectalo co de Edrada-Mao, que actuaría como depósito superior, bombeando e turbinando entre os dous encoros.
Na imaxe, un proxecto de bombeo de Naturgy para a mesma zona presentado en 2011, que foi desistido.
A masa de auga do encoro de Santo Estevo, no río Sil, é un espazo incluído na Rede Natura 2000 (ZEC Canón do Sil, cód. ES1120014) e na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Goza, ademais, no vixente instrumento de planificación hidrolóxica (RD 35/2023 de 24 de xaneiro) da consideración de “Zona de captación de augas superficiais para abastecemento”; “Zona de produción de especies acuáticas (Piscícolas)”; “Zona de produción de especies acuáticas (Salmonícolas)”; e zona húmida protexida polo Decreto 127/2008 (Galiza).
Pola súa banda, a masa de auga do encoro de Edrada-Mao fai parte tamén da Reserva da Biosfera “Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel”, alén de ter a consideración de “Zona de produción de especies acuáticas (Piscícolas); Zona de produción de especies acuáticas (Salmonícolas); e zona húmida protexida no PHMS (RD 35/2023).
Ambas bacías xa soportan unha intensa presión por infraestruturas hidroeléctricas, con varios grandes encoros e numerosos aproveitamentos menores. Esta é a "paisaxe da auga" que a Xunta tentou vender á UNESCO para a candidatura de Patrimonio Mundial e que por dúas veces foi rexeitada polos impactos da sobreexplotación hidroeléctrica.
O “Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030” (PNIEC), no que atinxe ás actuacións que se desenvolvan en masas de auga, quer os bombeos hidráulicos, quer a implantación de sistemas de almacenamento con tecnoloxía de bombeo, recolle de xeito textual que “los bombeos hidráulicos tendrán que cumplir con lo dispuesto en el plano hidrológico y en todo caso se situarán fuera de la Red Natura 2000 y/o espacios protegidos, por cuanto son proyectos con impactos muy importantes como modificaciones morfológicas de canales y riberas, así como pérdida de biodiversidad”.
A demanda hídrica de 75.000 l/s do aproveitamento solicitado modificará substancialmente o balance hídrico das bacías do Sil e Edrada-Mao, afectará á ZEC Canón do Sil, e dificultará a consecución dos obxectivos de conservación para este espazo establecidos no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galiza (Decreto 37/2014), así como os obxectivos ambientais establecidos no instrumento de planificación da bacía.
O bo estado dos ecosistemas acuáticos resulta chave para a mitigación dos efectos da mudanza climática, e a súa deterioración non compensa os beneficios que achegan, maioritariamente ao oligopolio eléctrico.
O Plano Hidrolóxico para a bacía do Miño-Sil no actual ciclo de planificación determina (art. 12) que os usos ambientais prevalecen sobre os hidroeléctricos; e malia a que o RD 8/2023 modificou a orde de preferencia de usos establecida na lei de Augas (e consecuentemente nos planos de bacía) para que os bombeos hidráulicos tiveran preferencia sobre os usos industriais e hidroeléctricos, no vixente PH Miño-Sil, o bombeo hidráulico segue a ser o cuarto uso preferente, por baixo dos de abastecemento, ambientais e agropecuarios.
En consecuencia, ADEGA presentouse no trámite de competencia de proxectos para manifestar a súa oposición á solicitude de concesión presentada por “A Senra Infraestructuras, S.L.” con destino ao almacenamento hidráulico de enerxía. E dita oposición fixémola efectiva a través da solicitude para a concesión dun volume idéntico ao reclamado pola peticionaria (75.000 l/s), con destino a usos ambientais.
Finalmente, chamamos a atención sobre o feito de que a empresa peticionaria podería reclamar un prazo concesional de 75 anos para o seu aproveitamento. O encoro de Santo Estevo, explotado por Iberdrola, que necesariamente funcionaría como depósito inferior, remata a súa vixencia no ano 2051. Pola súa banda, o encoro de Edrada-Mao, no seu papel de depósito superior e actualmente explotado por Naturgy, ten vixencia até o ano 2053. Unha eventual concesión para a central de bombeo solicitada por “A Senra Infraestruturas S.L.” faría preciso alongar a permanencia dos dous encoros, e consecuentemente manter cortocircuitados ambos sistemas fluviais como mínimo até o ano 2101, o que resulta absolutamente inaceptábel por contravir os obxectivos da a Directiva Marco e da vixente lexislación de augas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal