ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis de 900 participantes retiran 13 toneladas de...

06-10-2026

Máis de 900 participantes retiran 13 toneladas de lixo no marco da XIX Limpeza Simultánea de Ríos de ADEGA

Máis de 900 persoas recolllen 13 toneladas de lixo

Un ano máis, ADEGA e O Proxecto Ríos conseguen mobilizar centos de persoas para mollarse polos ríos ao longo de toda a xeografía galega no marco da XIX Limpeza Simultánea de Ríos, que tivo lugar esta pasada fin de semana, 3 e 4 de outubro. Grandes grupos e outros máis cativos, rapazada nova e persoas máis maiores, xuntáronse nunha das grandes xornadas de voluntariado ambiental do país cun mesmo obxectivo: coidar dos nosos ríos e concienciar a sociedade da necesidade de facer unha xestión sostible do lixo para que a nosa natureza estea ben conservada.

A XIX Limpeza Simultánea de Ríos desenvolveuse ao longo de 51 concellos de toda Galiza, coordinada pola organización ecoloxista ADEGA e organizada por unha rede de entidades, asociacións, fundacións, centros de ensino... que se uniron á limpeza e reuniron voluntariado para limpar os ríos do seu ámbito xeográfico. Foron, en total, 77 as entidades involucradas nesta limpeza simultánea, que xuntou 933 persoas e na que se recolleron máis de 13 toneladas de lixo.

Moitas das entidades participantes son asiduas nesta convocatoria anual, pero outras moitas apadriñaron ríos por primeira vez neste 2026, o que evidencia o éxito das actividades de voluntariado ambiental, a medrar ano tras ano.

Aínda hai moito lixo nos ríos e moita cidadanía á que concienciar

Ao longo das 19 edicións da Limpeza Simultánea de Ríos, ADEGA e Proxecto Ríos puideron observar unha pequena diminución de lixo nos treitos dos ríos nos que se actuou, pero este ano algúns grupos atoparon gran cantidade de refugallos en vertedoiros incontrolados.

O voluntariado deu con residuos moi variados e, coma sempre, abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Tamén apareceron pneumáticos, vidro, cristais e latas, pilas, restos de madeira e mobles, ferralla, electrodomésticos, fluorescentes, xiringas, entullos, uralitas, roupa, calzado, colchóns, etc.

As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron xurdir en abundancia. A organización ADEGA fai un chamamento a reflexionar como sociedade sobre o uso destes materiais e, sobre todo, sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles. Tiralos polo retrete só fará que rematen nos nosos ríos e contaminen os cauces e ribeiras.

No reconto final, ADEGA calcula que os residuos recollidos nos 51 concellos de actuación suman máis de 13 toneladas de lixo, a falta dalgún dato que aínda queda por recadar e algunha limpeza que tivo que adiarse.

Con todo, a organización lembra que o principal obxectivo dunha xornada coma esta é axudar a concienciar a sociedade sobre a importancia dunha boa xestión dos nosos residuos. Ademais, ADEGA insiste en que voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, e demanda que a situación en que se atopan os ríos mude. Proximamente, ADEGA publicará na web do Proxecto Ríos un informe coas conclusións finais desta actividade.

Por último, ADEGA expresa o seu fondo agradecemento a todo o voluntariado galego polo seu compromiso cos nosos ríos. As máis de 900 persoas mobilizadas en 65 treitos de río demostran que a sociedade galega se molla polos ríos.

Para esta actividade, ADEGA e Proxecto Ríos contaron coa colaboración dos concellos da Estrada, Allariz, Ames, Ares, Fene, Meis, Moaña, Nigrán, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela e Tomiño. A XIX Limpeza Simultánea de Ríos é unha actuación financiada pola Deputación da Coruña e Confederación Hidrográfica Miño Sil.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal