Inicio / Novas / Educación ambiental / Resultados preliminares da XIX Limpeza Simultanea...
04-10-2026
Un ano máis, a asociación ecoloxista ADEGA, a través do Proxecto Ríos, consegue mobilizar centos de persoas para mollarse polos ríos ao longo de toda a xeografía galega. A XIX Limpeza Simultánea de Ríos tivo lugar o sábado 3 e domingo 4 de ouutbro.
Reuníronse grandes e pequenos grupos, rapazada nova e persoas máis maiores, que se xuntaron nunha das xornadas de voluntariado ambiental de referencia no país, cun mesmo obxectivo: coidar dos nosos ríos e concienciar a sociedade da necesidade de facer unha xestión sostible do lixo para que a nosa natureza estea ben conservada.
A XIX Limpeza Simultánea de Ríos desenvolveuse ao longo de 49 concellos de toda Galiza coordinada pola organización ecoloxista ADEGA e organizada por unha rede de entidades, asociacións, fundacións, centros de ensino, etc., que se uniron á limpeza e reuniron voluntariado de cada lugar de Galiza para limpar os ríos do seu ámbito xeográfico. Foron, en total, 76 as entidades involucradas nesta limpeza simultánea, que mobilizou 717 persoas e na que se recolleron máis de 10 toneladas de lixo, segundo os primeiros datos analizados. Moitas destas entidades son asiduas nesta convocatoria anual, pero outras moitas apadriñaron ríos por primeira vez neste 2026, o que evidencia o éxito destas actividades de voluntariado ambiental, a medrar ano tras ano.
Ao longo das 19 edicións da Limpeza Simultánea de Ríos, ADEGA e Proxecto Ríos ás veces se puido observar unha pequena diminución de lixo nos treitos dos ríos nos que se actuou, pero este ano algúns grupos atoparon gran cantidade de refugallos en vertedoiros incontrolados. O voluntariado atopou residuos moi variados e, coma sempre, abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Tamén apareceron rodas, vidro, cristais e latas, pilas, restos de madeira e mobles, ferralla, electrodométsticos, xeringas, entullos, uralitas, roupa, calzado, colchóns, etc. As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron aparecer en abundancia, xunto coas compresas e tampóns.
A organización ecoloxista ADEGA fai un chamamento a reflexionar como sociedade sobre o uso destes materiais e, sobre todo, sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles. Tiralos polo retrete só fará que rematen nos nosos ríos e contaminan os cauces e ribeiras. No reconto preliminar, ADEGA calcula que os residuos recollidos nos 49 concellos de actuación suman máis de 10 toneladas de lixo, pero aínda quedan datos que faltan por recadar.
Con todo, a organización lembra que o principal obxectivo dunha xornada coma esta é axudar a concienciar a sociedade sobre a importancia dunha boa xestión dos nosos residuos. Ademais, ADEGA insiste en que voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, e demanda que a situación en que se atopan os ríos mude.
Por último, ADEGA expresa o seu fondo agradecemento a todo o voluntariado galego polo seu compromiso cos nosos ríos. As máis de 700 persoas mobilizadas en 64 treitos de río demostran que a sociedade galega se molla polos ríos.
Para esta actividade, o Proxecto Ríos contou coa colaboración dos concellos de A Estrada, Allariz, Ames, Ares, Fene, Meis, Moaña, Nigrán, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela e Tomiño . A XIX Limpeza Simultánea de Ríos é unha actuación financiada pola Deputación da Coruña e Confederación Hidrográfica Miño Sil.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal