Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Alianza Rural insta a mudar o Plano Forestal...
02-10-2026
O pasado martes, 22 de setembro, a Consellería do Medio Rural informou na reunión do Consello Forestal de Galiza da súa intención de non abrir ningún prazo de consulta pública, nin de presentación de achegas ou emendas, ao Anteproxecto de Lei de Loita contra os Incendios Forestais. Alega para tal escandaloso proceder que xa hai tempo -en 2021- presentaron unha enquisa ás organizacións que fan parte do Consello Forestal e que as respostas foron tidas en conta na elaboración do Anteproxecto.
É evidente que a realización dunha enquisa entre os membros do Consello Forestal de Galiza non pode substituír os necesarios procesos de consulta pública e prazos de alegacións que a tramitación de calquera lei ten que contar nun réxime democrático. Na propia reunión do Consello Forestal, a unanimidade dos seus membros reclamaron a apertura dese proceso. Para a Alianza Rural Galega (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGCCMM), este Anteproxecto de Lei non pode continuar a súa tramitación mentres non se someta a consulta pública do conxunto da cidadanía.
Por outro lado, desde as organizacións que facemos parte da Alianza Rural Galega xa temos indicado que de nada serve unha nova lei de prevención de incendios forestais se non muda o modelo forestal que nos conduciu até a situación actual. É precisa a modificación do actual Plan Forestal de Galiza se queremos construír unha lei que realmente faga fronte á problemática dos incendios forestais.
Xa por último, a Alianza quere sinalar que o Anteproxecto tal e como está formulado non representa apenas novidade coa lexislación existente. Segue insistindo na extinción e no punitivo sen avanzar na prevención e na restauración ecolóxica. Non se avanza na profesionalización nin na unificación para dotarse dun dispositivo público e galego de loita contra o lume en prevención e extinción. Responde unicamente a intereses produtivistas e privados e non se atende o carácter social e ecolóxico do monte galego. Non se pon coto á proliferación do eucalipto nin á forestación de terras agrarias, e non se menciona o monocultivo de especies pirófilas. Non se atende a realidade social galega, a existencia das comunidades de montes e a súa importancia, nin se busca o desenvolvemento económico e social do medio rural, máis ben, segue incentivando o seu abandono.
Así pois, instamos á Xunta de Galiza e á Consellería de Medio Rural a abrir un proceso de consulta pública e interlocución con todos os actores sociais para elaborar un proxecto de lei de prevención de incendios forestais que si vaia ás causas estruturais do problema e conte coa participación e consenso da sociedade galega.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal