ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-A Coruña apoia o manifesto para a...

05-10-2026

ADEGA-A Coruña apoia o manifesto para a rehabilitación ambiental de Baldaio proposto polo GN Hábitat

ADEGA-A Coruña apoia o manifesto pola rehabilitación ambiental de Baldaio, promovido polo Grupo Naturalista Hábitat. Impulsar unha protección real deste espazo e unha recuperación ecolóxica integral é unha demanda reiterada da veciñanza, que durante o verán se mobilizou ata en dúas ocasións para reclamar a apertura da canle da lagoa e unha solución permanente ao problema do seu peche. A dinámica de movementos de area na duna da praia e a zona por onde desauga a lagoa foi alterada múltiples veces, por iso, nos últimos anos é preciso o uso de maquinaria pesada para forzar a apertura da canle que comunica a lagoa co mar.

Deixar de actuar só cando chega a crise

ADEGA-A Coruña pide deixar de actuar puntualmente e abrir o foco para realizar actuacións integrais que permitan recuperar as dinámicas naturais desta contorna. Baldaio é un dos maiores humidais de Galiza, e como tal, debera existir un plan de actuación para recuperalo de décadas de alteracións provocadas polas accións humanas. 

A singularidade e importancia do humidal de Baldaio é indiscutible. Trátase dun dos espazos húmidos costeiros de maior interese de Galiza, resultado da interacción entre a praia, o sistema dunar, a lagoa, as marismas e os cursos de auga doce. Esta diversidade de ambientes permite a presenza de numerosos hábitats de interese comunitario. A variedade de condicións de salinidade e de ambientes que se suceden neste pequeno territorio fan de Baldaio un espazo especialmente valioso para a conservación da biodiversidade.

Esta riqueza de hábitats sustenta, á súa vez, unha notable diversidade de flora e fauna, incluíndo especies protexidas e de interese para a conservación. O valor ecolóxico de Baldaio quedou recoñecido tamén a través das distintas figuras de protección: forma parte da Rede Natura 2000 como Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte e está integrado na Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte. Estas figuras non son unicamente un recoñecemento do seu valor natural, senón que implican a obriga de conservar os hábitats e especies e de garantir o mantemento das funcións ecolóxicas do humidal. 

A pesar de todo isto, as actuacións realizadas para favorecer a biodiversidade e conservación dos seus hábitats limitáronse a accións puntuais e de emerxencia, sen abordar unha xestión integral. Por iso, desde ADEGA-A Coruña, en consonancia co manifesto de Hábitat, considera que é preciso que dunha vez por todas se realice unha análise técnica para formular accións a longo prazo.

Máis de 50 anos de loitas veciñais

Baldaio foi escenario, especialmente durante os anos 70, dunha intensa mobilización veciñal para defender a integridade deste espazo e recuperar para o uso público a praia, a lagoa e as marismas. A explotación dos areais, iniciada décadas antes e intensificada durante os anos 60 e 70, converteu a extracción de area nunha actividade de enorme impacto sobre o sistema litoral. Durante os anos 70 chegaron a saír de Baldaio máis de cen camións diarios cargados de area, mentres as transformacións realizadas sobre a marisma e a lagoa alteraron progresivamente a súa dinámica natural.

O de Baldaio foi un dos conflitos que marcaron o inicio do ecoloxismo en Galiza. A mobilización do 8 de maio de 1977, no que chegaron a xuntarse en Carballo arredor de 5.000 persoas para reclamar a recuperación do areal, constitúe unha protesta histórica que se converteu nun fito das loitas sociais e ambientais de Galiza.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal