Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA inaugura en Monforte de Lemos a exposición...
30-09-2026
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou este xoves, 1 de outubro, en Monforte de Lemos a exposición "50 anos coidando a Terra", unha mostra itinerante coa que a organización percorre cinco décadas de ecoloxismo galego e das loitas ambientais nas que participou ao longo deste tempo.
O acto, celebrado ao carón das Casiñas da Compañía, foi conducido por Ramsés Pérez, educador ambiental de ADEGA, quen agradeceu a disposición do Concello para que esta mostra chegue a Monforte. O acto contou coa participación do alcalde de Monforte, José Tomé; da tenente de alcalde, Gloria Prada; e do concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luís Losada; así como do voceiro do BNG, Emilio José Sánchez. Tamén acompañaron a ADEGA representantes da asociación Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde e da Asociación Sarria Aire Limpo.
Pérez situou ADEGA no seo dun dos movementos, o ecoloxista, "chamados a contribuír á transformación das desigualdades do planeta"; e destacou tamén o carácter histórico de moitas das problemáticas ambientais actuais, que, como pode comprobarse na exposición, contan con antecedentes e cunha longa traxectoria de loita e reivindicación.
Salientou, ademais, o papel do ecoloxismo como "vangarda ética na procura dunha reconciliación entre as persoas e a natureza", así como a importancia da implicación social para afrontar os retos ambientais. Neste sentido, reivindicou que cada xesto conta, por pequeno que sexa: "Ao igual que o peor galego é o que non se fala, o peor acto ecoloxista é o que non se fai". Pérez pechou a súa intervención cunha chamada a actuar fronte ás agresións ambientais que afectan o país.
Pola súa banda, o alcalde José Tomé fixo un chamado á veciñanza a visitar esta exposición e agradeceu a ADEGA a achega desta mostra ao concello, que aterra en Monforte tras pasar por multitude de localidades galegas e que poderá visitarse ata o 13 de outubro. Logo do acto de inauguración, as persoas asistentes puideron facer un percorrido guiado polos paneis da man de Lucía A. Anido, vogal de decrecemento de ADEGA.
A exposición ao aire libre estrutúrase en 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos, en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Fosa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas máis emblemáticas do país.
A través de textos e imaxes, a mostra ofrece un percorrido pola historia da organización e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galiza nos últimos 50 anos, desde a loita contra as verteduras contaminantes e os incendios forestais ata a defensa do territorio fronte á especulación e os macroproxectos industriais.
Esta mostra, que contou co apoio da Deputación da Coruña, ten como obxectivo conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental e incentivar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra e dun futuro sustentable para Galiza.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal