ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA reclama á Xunta que faga efectiva a...

28-09-2026

ADEGA reclama á Xunta que faga efectiva a protección do salmón no Observatorio Galego de Biodiversidade

Na reunión deste martes, día 29, do Observatorio Galego da Biodiversidade, figura na orde do día a solicitude de inclusión do salmón atlántico galego (Salmo salar L.) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) coa categoría de “En perigo de extinción”. ADEGA non agarda outra cousa que un pronunciamento favorábel do Observatorio, no que a Xunta ten maioría, e que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural dea conta do expediente de catalogación.

Foi en xaneiro pasado cando ADEGA, xunto con outras entidades conservacionistas, solicitamos formalmente a catalogación do salmón atlántico galego como especie en perigo de extinción, presentando por rexistro toda a documentación requirida. O procedemento administrativo fixado no Decreto 88/2007 establece un prazo máximo de 6 meses (art. 7.5) para que a administración resolva as solicitudes feitas a instancia de parte, como é o caso. Xa que logo, e transcorridos máis de 6 meses sen que a Xunta se pronunciara, a solicitude feita por ADEGA e secundada por SGHN, FEG e AEMS-Ríos con Vida, ficou estimada a teor do antedito artigo.

Trátase dun éxito do movemento ecoloxista e da sociedade galega, que dentro da campaña #AlertaSalmónGalego apoiou con máis de 3.000 sinaturas a proposta de dar a máxima protección legal ao salmón atlántico, para tentar reverter a súa crítica situación. Trátase de salvar a unha especie que estamos a piques de perder polo maltrato dos ríos e océanos e por unha ineficaz xestión. Precisamente hai uns días, o Comité Científico de Fauna e Flora do Ministerio ditaminou tamén a favor de incluír o salmón no Catálogo Español de Especies Amenazadas (CEEA) na categoría “En perigo de extinción”.

Pola súa banda, chama moito a atención a postura da Xunta a respecto do salmón. Primeiro, ignorando a petición de xuntanza (abril de 2026) do Observatorio Galego da Biodiversidade para debater a situación da especie; e tamén a petición de suspender a celebración do “consurso” de pesca no Ulla, que finalmente tivo lugar o pasado mes de maio co previsíbel resultado de 0 (cero) capturas. Despois, deixando pasar o prazo legal establecido para dar resposta á nosa solicitude e deixando que fora o silencio administrativo o que resolvera a petición de catalogación. 

A este desleixo institucional pola xestión da nosa biodiversidade únese a renuencia en cumprir a lei, xa que, vulnerando o establecido no Decreto 260/2007 que regula o Observatorio Galego da Biodiversidade, a Xunta non convocou ningunha reunión deste organismo consultivo en todo 2025. 

Finalmente, ADEGA celebra que o salmón galego vaia gozar da protección que merece, coa consolidación da prohibición total da súa captura, sen excepcións. Mais isto non é suficiente: a Xunta debe aprobar con urxencia o plano de recuperación da especie para reverter a súa situación crítica, con medidas e orzamento para mellorar o hábitat e reducir os impactos. 

Neste senso, actuacións como a recente represa do Umia ou proxectos como a reapertura da mina de Touro-O Pino, bendicidos pola Xunta, son un triste exemplo do que non se debe facer se queremos seguir tendo salmóns nos nosos ríos.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal