ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Un informe encargado pola Consellaría do Mar...

22-09-2026

Un informe encargado pola Consellaría do Mar recoñece riscos irreversíbeis na Arousa pola Mina de Touro-O Pino

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), apoiadas pola Plataforma Ulloa Viva, exixen o peche definitivo do proxecto mineiro de Cobre San Rafael logo de coñecer o contido dun informe da Consellería do Mar que alerta dos riscos irreversíbeis para a ría de Arousa e o sector acuícola. As tres plataformas compareceron hoxe en rolda de prensa en Carril para dar a coñecer o contido deste informe.

O documento da Xunta recoñece que o beneficio económico actual da Ría de Arousa supera con creces o rendemento temporal do proxecto mineiro. Segundo os datos que recolle o propio informe, a economía do mar xera de xeito sostíbel máis de 106 millóns de euros ao ano e da sostén a miles de familias galegas; pola contra, a mina pretende destruír o medio a cambio dun beneficio privado e pasaxeiro. 

En rolda de prensa, a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non puxo o foco en que o valor socioeconómico real e permanente dos recursos da ría de Arousa “é infinitamente superior á actividade extractiva pretendida, a cal poría en risco mortal un motor económico xa existente, rendible e estratéxico para Galicia”.

Desde a plataforma advertiron que o megaproxecto a ceo aberto que supón a reapertura da Mina de Touro-O Pino “pon en perigo o sector do marisqueo e a  acuicultura na ría, os abastecementos de auga potable, a Rede Natura 2000 e o Camiño de Santiago”.

Informe demoledor contra a mina

O informe técnico que fixeron público hoxe as plataformas en rolda de prensa recomenda o peche definitivo da mina atendendo ao principio de precaución e denuncia que a empresa -Cobre San Rafael- omite o estudo de bioacumulación de metais pesados e as sinerxías contaminantes con outros proxectos coma Altri. A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non denuncia que neste informe emitido pola Subdirección Xeral de Acuicultura da Consellería do Mar, o persoal técnico confirma de xeito categórico as advertencias que a veciñanza leva anos denunciando. A plataforma veciñal reitera que a reactivación da mina de cobre a ceo aberto supón “un risco inasumíbel para os recursos naturais, o abastecemento de auga dos núcleos rurais e a economía do sector marisqueiro e acuícola de Galiza”.

O informe técnico salienta que as augas residuais e as escorrentías da mina acabarían verténdose ao río Ulla e, en última instancia, chegarían á ría de Arousa, a máis importante de Galiza en produción acuícola. Dende a Plataforma Veciñal faise especial fincapé nunha das conclusións máis claras que se desprenden do informe: “o beneficio económico e social que a ría de Arousa xa produce hoxe en día é enormemente superior a calquera promesa de riqueza temporal que promova a empresa mineira”.

A Ría de Arousa acolle máis do 65% das bateas galegas e xera máis de 106 millóns de euros directos cada ano, e constitúe unha fonte de ingresos sostible, consolidada e repartida entre miles de familias do mar. Desde as plataformas sinalan que “resulta un despropósito poñer en xogo un sector produtivo permanente e vital para a economía galega a cambio dun proxecto extractivo privado con data de caducidade -17 anos- que deixará tras de si un rastro de contaminación e destrución”.

No informe, desde a propia Consellería do Mar advírtese de que a emisión de residuos tóxicos, lixiviados e metais pesados durante os anos previstos de explotación pasará a formar parte da biota e nos sedimentos, o que causaría danos irreversíbeis á saúde das especies comerciais (mexillón, ameixa, berberecho) e destruiría o valor económico e biolóxico do medio mariño na zona.

Impacto nos abastecementos veciñais e no patrimonio

O informe da propia Xunta tamén fai fincapé nas severas afeccións locais que provocará a mina na contorna de Touro e O Pino, como a perda de auga potábel, xa que recoñece que a explotación mineira afectará gravemente ou fará desaparecer os mananciais que abastecen a núcleos rurais como Arinteiro, A Goleta, Torreis de Arriba ou a parroquia de Cebreiro. Tamén as voaduras de gran potencia e a contaminación do aire provocadas pola actividade mineira a diario xerarán partículas finas que comprometerán a vida vexetal, animal e a saúde do chan.

Tamén lembraron as plataformas en rolda de prensa os danos no patrimonio e no Camiño de Santiago, dado que os terreos da mina se atopan no Camiño Francés -BIC e Patrimonio da Humanidade protexido pola UNESCO- e afectará gravemente xacementos arqueolóxicos e conxuntos etnográficos.

Tamén o patrimonio natural da zona tería afectación coa reapertura da mina de Cobre San Rafael pola afección á Rede Natura 2000, xa que a mina impactará directamente na Zona de Especial Conservación (ZEC) Sistema Fluvial Ulla-Deza e en zonas protexidas de alta biodiversidade.

A empresa omitiu informes

O documento da propia Xunta de Galiza denuncia que a promotora da mina de Touro-O Pino, Cobre San Rafael, utilizou cálculos puramente teóricos e non contemplou estudos sobre a bioacumulación de metais pesados nos seres vivos. Tampouco se avaliaron as sinerxías contaminantes e o efecto acumulativo negativo que tería a mina ao sumarse a outros proxectos industriais agresivos proxectados na cunca do Ulla, como a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

A Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino, a PDRA e a Plataforma Ulloa Viva exixiron en rolda de prensa “a cancelación definitiva” do proxecto que a Xunta de Galiza está a tramitar e que está pendente da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). “Atendendo ao principio de precaución que inclúe o propio informe da Consellería do Mar, exiximos á Xunta a denegación definitiva da autorización ambiental e o peche e restauración dos terreos”, afirmaron.

Para a plataforma veciñal, o  informe da Consellería do Mar “deixa sen argumentos á empresa promotora e demostra que este proxecto a ceo aberto é totalmente incompatíbel coa vida no rural e coa calidade das nosas augas”. Pero, sobre todo, puxeron o foco en que o resultado do informe técnico “evidencia que o beneficio económico que xa temos hoxe na ría de Arousa é infinitamente maior e máis valioso que o beneficio pasaxeiro que din que vai traer a mina”. 

As tres plataformas afirmaron que non van "permitir que se destrúa o pan e o futuro de milleiros de familias do mar por satisfacer un interese privado e destrutivo".

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal