24-09-2026
ADEGA-Lugo celebrará este sábado 26 de setembro o acto de peche da campaña de recadación “Río Rato sen cemento”, posta en marcha para financiar a defensa xudicial das nacentes do río Rato fronte a urbanización prevista no sector S-5.I de Lugo, para ampliación do polígono do Ceao.
A xornada terá lugar no Lugar de Reque a partir das 13:00 horas, coa actuación do grupo Son de Lugh, seguida dunha foliada aberta na que ADEGA anima a participar a toda a veciñanza.
A asociación quere converter este encontro nunha celebración colectiva do apoio conseguido durante a campaña, cunha xornada de música, encontro e reivindicación para poñer en valor as nacentes do Rato. Para completar a xornada, a organización convida as persoas asistentes a levar a súa propia merenda.
A campaña “Río Rato sen cemento” acadou xa o obxectivo mínimo de recadación, de 12.000 €, o que permitirá a ADEGA asumir os custos básicos necesarios para defender xudicialmente as nacentes do Rato fronte á urbanización prevista no sector S-5.I.
ADEGA-Lugo quere agradecer o apoio recibido durante estas semanas, no que quedou patente que hai moita xente concienciada e disposta a implicarse na defensa das nacentes do Rato. As achegas permitiron alcanzar un primeiro obxectivo fundamental: garantir que a protección deste espazo poida ser defendida tamén nos tribunais.
Porén, a campaña continúa aberta ás doazóns. Os fondos que se consigan por riba do obxectivo mínimo destinaranse a custear os informes e peritaxes técnicas necesarios para reforzar a defensa xudicial, achegando ao procedemento estudos especializados sobre os valores ambientais e hidrolóxicos afectados.
ADEGA anima, polo tanto, a seguir apoiando a campaña e contribuír na medida das posibilidades de cada persoa, para poder contar con todos os medios técnicos necesarios na defensa das nacentes.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal