Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Entidades ecoloxistas urxen á Xunta...
24-09-2026
ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), FEG (Federación Ecoloxista Galega), Asociación Lobo, A Ulla Viva, Plataforma Ulloa Viva, PDRA (Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) e a Plataforma Mina Touro-O Pino Non urxen á Xunta avanzar na protección do salmón atlántico en Galiza e apoiar a súa catalogación como “En perigo de extinción” a nivel estatal e galego, logo de que o Comité Científico do Ministerio validara a proposta para incluír a especie no Catálogo Español de Especies Ameazadas.
O informe do Comité Científico que asesora ao organismo que reúne o Executivo español e as autonomías en materia de conservación de especies silvestres, confirma que a especie cumpre os criterios científicos para recibir o máximo nivel de protección no Estado, dado o seu estado crítico, a redución da súa área de distribución e o tamaño actual das súas poboacións. Agora, o ditame será trasladado ás comunidades autónomas para a súa valoración, posición que será determinante para protexer a especie.
Por iso, varias entidades ecoloxistas galegas piden á Xunta que apoie a catalogación estatal neste órgano e avance tamén na súa propia inclusión no Catálogo Galego como “En perigo de extinción”, en coherencia coas evidencias científicas sobre a crítica situación das poboación de salmón, agora avaladas neste Comité do Ministerio.
Foi no pasado febreiro deste ano cando ADEGA, AEMS-Ríos con vida, FEG e SGHN solicitaron á D. X. De Patrimonio Natural da Consellaría de Medio Ambiente a inclusión do salmón atlántico no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, unha petición avalada por máis de 3.000 sinaturas recollidas no marco da campaña “Alerta Salmón Galego” que non foi a día de hoxe respostada. As entidades reclaman que a Xunta asuma a súa responsabilidade na protección dunha especie que forma parte do patrimonio natural e cultural de Galiza e que está en serio risco de extinción.
Para as ecoloxistas non chega con vedar a súa pesca -vixente en Galiza durante este ano, agás no Campionato de pesca de salmón da Estrada-, senón que se deben impulsar medidas que favorezan a recuperación e conservación da especie. Esta catalogación obrigaría á administración galega a prohibir a pesca do salmón e a elaborar un plano de recuperación específico, con medidas para restaurar hábitats, mellorar a conectividade fluvial e garantir o seguimento científico da especie.
Segundo o Atlas do Salmón Atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións galegas reducíronse máis dun 80% desde a década de 1970. Ademais, pasouse de máis de 20 ríos históricos con presenza reprodutora a menos de 8 na actualidade, moitos deles con poboacións moi reducidas e illadas.
En sistemas como o Ulla apenas se rexistran arredor de 50 exemplares reprodutores, cifras moi por baixo do limiar considerado viable a medio prazo. Ademais, estudos recentes prevén un novo descenso do 30–50% nas poboacións do sur de Europa nas próximas décadas, debido ao aumento da temperatura e aos cambios na produtividade mariña.
A continua degradación do hábitat fluvial e mariño (mudanza climática, verteduras, minaría...) e as barreiras á migración sen unha restauración suficiente (presas e azudes obsoletos, centrais hidroeléctricas) empeoran este prognóstico. A extinción do salmón atlántico en Galiza suporía unha gran perda ecolóxica e patrimonial.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal