23-09-2026
A vida de moitas das persoa que se teñen que desprazar diariamente dentro das comarcas da Coruña e Ferrolterra para traballar, estudar ou no seu tempo de ocio, está inevitábelmente condicionada polo uso do servizo de transporte público por estrada ou vía férrea.
Ante o aumento da demanda e os problemas de falta de prazas, atrasos e masificación que se están a repetir neste inicio de curso, ADEGA-A Coruña reivindica unha mellora estrutural do transporte público, con máis capacidade e mellor planificación, así como a recuperación do tren de proximidade e a mellora das conexións ferroviarias e ciclistas.
A situación do transporte publico provocou nos últimos días mobilizacións e numerosas queixas por parte de persoas usuarias. A pasada semana, Ferrol acolleu unha multitudinaria protesta para esixir un transporte público de calidade. De igual xeito que nos concellos de Sada, Oleiros, Miño e Betanzos ou mesmo na cidade da Coruña, numerosos colectivos e persoas usuarias manifestaron as súas queixas pola falta de prazas, impuntualidade, situacións de risco e outras eivas, o que provocou que algunhas usuarias estean a autoorganizarse para partillar vehículos privados á marxe do transporte público. Para ADEGA, estes problemas manifestan o mal funcionamento deste servizo básico, pero tamén o desleixo por parte da administración, xa que se trata dunha situación reincidente no inicio do curso escolar.
Un tren de proximidade para a comarca da Coruña e unha conexión A Coruña - Ferrol por vía férrea que preste un servizo competitivo é unha demanda histórica do ecoloxismo galego. A viaxe A Coruña-Ferrol leva hoxe un 50% máis de tempo e custa máis do dobre que unha viaxe por estrada. Moitos concellos, como Oleiros, Sada, Betanzos ou Miño, nos que se produciron eivas no servizo de autobús quedan neste eixo, polo que carecen dunha alternativa ferroviaria eficaz para os seus desprazamentos diarios.
No eido da bicicleta, un medio en auxe, tanto o Concello de Ferrol coma o da Coruña son pioneiros: Ferrol foi a primeira cidade en ter préstamo de bicicletas e A Coruña conta co maior número de km de carril bici de Galiza. Con todo, ADEGA-A Coruña esixe melloras na calidade do servizo de préstamo de bicicletas nas dúas cidades, logo de que as usuarias reportaran queixas relacionadas coa falta de bicis, o deseño dos carrís ou as escasas posibilidades de usar estes servizos nos polígonos industriais ou entre concellos.
ADEGA-A Coruña lembra que esta precaria situación do transporte público se produce nun contexto de aumento de usuarias. O trasporte urbano da Coruña vai camiño de bater novamente o seu máximo histórico de venda de billetes, como xa o fixera no 2025, cun aumento do 3% no primeiro semestre do ano 2026. Tamén a nivel interurbano, no conxunto de Galiza, aumentou o número de persoas usuarias nun 2%. Estas cifras parecen indicar un cambio de tendencia no modelo de mobilidade, para o que as administracións deben estar á altura cunha mellor adaptación da oferta á demanda.
Os transportes, sobre todo os feitos por estrada, son fonte de emisións dunha gran cantidade de gases de efecto invernadoiro e de outras partículas nocivas para a saúde humana e doutros seres vivos. Unha menor polución no aire reduce o gasto sanitario e favorece unha vida máis saudábel.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) cifrou o número de mortes relacionados coa polución ambiental en 4,2 millóns no ano 2019. Igualmente, diversos estudos recentes realizados polo Instituto de Salud Carlos III no territorio español relacionan o aumento dos ingresos hospitalarios por problemas cardiovasculares cos picos de contaminación. En 2025, o Instituto cifra en 62.000 os ingresos hospitalarios directamente relacionados con esta contaminación, principalmente causada polas emisións de vehículos.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal