Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Concello de Muros paraliza as obras que...
22-09-2026
Tras recibir a denuncia de ADEGA, o Concello de Muros comunica a paralización cautelar das obras na zona intermareal de Punta Abelleira, por non contar coas autorizacións pertinentes. O pasado 11 de setembro, a asociación ecoloxista denunciou diante do Concello de Muros, de Augas de Galiza e da Demarcación Galega de Costas, a presenza de maquinaria pesada enriba dos cantís de Punta Abelleira, en zona de dominio público marítimo-terrestre, que estaba escavando na rocha o que aparentaba ser a apertura de varias gabias para a instalación de tubaxes para a captación de auga de mar e/ou e vertedura cara a ría de Muros-Noia desde a planta auxiliar de acuicultura instalada no lugar.
ADEGA constatou que as obras comezaran xa na noite do 10 de setembro e continuaron ao día seguinte, acadando nese período de tempo o cimentado e remate dunha das gabias, -a situada ao oeste da planta, que verte á Enseada de Bornelle-, e a construción parcial doutra gabia no lado sur destinada á captación de auga. As obras executadas presuntamente por Mariscos Antón e Hijos S.L. alteraron de forma significativa a morfoloxía dos cantís litorais, parcialmente cimentados, removeron fondos mariños e derivaron sedimentos cara ao mar que provocaron a turbideza da auga.
ADEGA advirte de que a modificación dos perfís rochosos costeiros, ademais de alterar gravemente a paisaxe litoral, podería acelerar a erosión dos cantís, especialmente vulnerábeis aos cambios; e as verteduras da planta depuradora de moluscos poden constituír un importante foco de contaminación para a ría se o seu impacto non se avalía adecuadamente. A asociación ecoloxista lembra que calquera actuación que se pretenda executar na zona de dominio público marítimo terrestre de Punta Abelleira podería afectar directa ou indirectamente a varios espazos naturais protexidos que circundan a ría de Muros e Noia, nomeadamente a ZEC Monte e Lagoa de Louro (ES1110012), a ZEC Esteiro do Tambre (ES1110011) e a ZEC. Ademais, a poucos metros da planta auxiliar de acuicultura, propiedade da promotora das obras, atópase o Humidal da Rateira, unha lagoa intermareal incluída no Inventario de Zonas Humidas de Galiza, e tamén área de distribución potencial da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.), ave catalogada como "Vulnerábel" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que é extremadamente sensíbel á alteración do seu hábitat.
Polo tanto, calquera intervención que se pretenda executar na franxa litoral de Punta Abelleira como as xa citadas -a modificación do perfil costeiro ou a captación e vertedura de augas ao medio mariño-, polo seu potencial impacto sobre espazos naturais protexidos e os obxectivos de conservación da contorna, debería ser sometida a unha rigorosa avaliación de impacto ambiental, en aplicación do artigo 7.1.b) da Lei 21/2013, de 9 de decembro, de Avaliación Ambiental.
Compróbase na documentación remitida polo concello de Muros, que as obras executadas en Punta Abelleira, ademais de non ter sido sometidas a unha adecuada avaliación ambiental, tamén son irregulares por canto se executaron gabias que non estaban contempladas no proxecto técnico presentado no concello, mudando os trazados das tubaxes inicialmente deseñados e incorporando novos elementos construtivos. Entre outras deficiencias, as obras incumpriron os requirimentos de Costas e da Xunta de instalar barreiras anti-contaminación para evitar o enlodamento das augas mariñas, e foron executadas unha vez vencida a vixencia do permiso de vertedura de Augas de Galicia para poder deitar as augas procedentes da depuradora na enseada de Bornalle. O concello tamén dubida da legalidade de dúas tubaxes situadas nos cantís, ao lado sur e oeste, que verten auga directamente sobre as rochas da que se descoñece a súa procedencia.
ADEGA solicita ao concello de Muros que ademais de paralizar cautelarmente as obras e incoar un expediente de reparación da legalidade, tramite a apertura do oportuno expediente sancionador e castigue cunha multa exemplificante aos responsables das obras ilegais, pois boa parte do dano efectuado xa é irreversíbel.
Ao tempo, insta á Xunta de Galicia e a Costas do Estado para que tamén instrúan cadanseu expediente sancionador e para que, ademais, sometan ao procedemento administrativo de avaliación de impacto ambiental o proxecto de captación de auga e vertido ao mar da planta depuradora de Mariscos Antón e Hijos S.L., en Punta Abelleira, no concello de Muros.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal