ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA inaugura en Fene a exposición “50 anos...

18-09-2026

ADEGA inaugura en Fene a exposición “50 anos coidando a Terra” e fai balance das loitas ambientais da comarca

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou este venres, 18 de setembro, en Fene a exposición "50 anos coidando a Terra", unha mostra itinerante coa que a organización percorre cinco décadas de ecoloxismo galego e das loitas ambientais nas que participou ao longo deste tempo.

O acto, celebrado na praza do alcalde Ramón José Souto González, foi conducido por Antón Muñiz, membro da directiva de ADEGA-Ferrolterra, e contou coa participación da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a presenza de colectivos compañeiros de loitas como a Asociación Etnográfica da Natureza de Maniños (AEDNA). A mostra, que chega a Fene grazas ao apoio do concello, poderá visitarse nesta praza ata o vindeiro 29 de setembro. 

Durante a súa intervención, Antón Muñiz destacou a "necesidade do ecoloxismo vinculado á defensa da terra e do país para unha boa calidade de vida, especialmente nun país dependente coma Galiza". O representante de ADEGA-Ferrolterra aproveitou tamén para repasar algunhas das actuacións desenvolvidas pola delegación nos últimos anos. 
Salientou loitas como a defensa da Fraga de Menáncaro e a lagoa de Valdoviño, a reivindicación do saneamento integral da ría de Ferrol e a súa histórica defensa fronte á localización de Reganosa -no marco do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol-, e o traballo en favor dunha mobilidade sostible na cidade, coa mellora de servizos e prezos asumibles. Tamén lembrou as loitas contra os vertidos asfálticos ou contra a cementeira de Narón. 

Muñiz debullou, ademais, diversas iniciativas de educación ambiental desenvolvidas por ADEGA en Fene, como as limpezas de ríos ou actividades de compostaxe. Apelou, por último, a seguir fortalecendo o ecoloxismo galego sen perder de vista as loitas gañadas e perdidas no pasado.

Pola súa banda, a alcaldesa Sandra Permuy, agradeceu a ADEGA a chegada desta exposición ao Concello: "Hai que concienciar, hai que saír ás rúas. As masivas protestas contra Altri evidenciaron que é nas rúas onde se libran moitas das loitas ambientais". Tamén puxo en valor o traballo do concello no ámbito da compostaxe e a súa colaboración con ADEGA a través da Limpeza Simultánea de Ríos.

Logo do acto de inauguración, as persoas asistentes puideron visualizar a mostra a través dunha visita guiada polo coordinador da delegación de ADEGA na Coruña, Xandro García.

50 anos coidando a terra

A exposición ao aire libre estrutúrase en 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos, en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Fosa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas máis emblemáticas do país.

A través de textos e imaxes, a mostra ofrece un percorrido pola historia da organización e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galiza nos últimos 50 anos, desde a loita contra as verteduras contaminantes e os incendios forestais ata a defensa do territorio fronte á especulación e os macroproxectos industriais.

Esta mostra, que contou co apoio da Deputación da Coruña, ten como obxectivo conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental e incentivar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra e dun futuro sustentable para Galiza.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal