ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Lugo pide un impulso final nas doazóns para...

15-09-2026

ADEGA-Lugo pide un impulso final nas doazóns para recorrer nos tribunais a cementación das nacentes do río Rato

A campaña de recadación“ Río Rato sen cemento”, impulsada por ADEGA-Lugo para frear a urbanización do Sector S-5.I e defender as nacentes do río Rato nos tribunais, entra na súa recta final. Quedan apenas 15 días e menos de 4.000 euros para completar o obxectivo marcado, polo que ADEGA fai un chamamento á cidadanía a dar un último impulso ás doazóns.

A asociación considera que a meta está xa moi preto e que, cun esforzo final nestas dúas semanas, será posible reunir os fondos necesarios para levar aos tribunais a defensa das nacentes do Rato. Cada achega, por pequena que sexa, contribúe a facer posible esta vía de defensa xurídica fronte á transformación urbanística prevista no S-5.I coa ampliación do polígono industrial do Ceao.

Desde ADEGA lembran que o espazo afectado alberga nacentes, regos e zonas húmidas que alimentan o río Rato, ademais de bosques de ribeira, carballeiras e outros valores naturais que forman parte dunha infraestrutura verde fundamental para Lugo. A súa protección non é só unha cuestión de conservación da natureza, senón tamén de defensa dun modelo de cidade máis habitable, resiliente fronte á crise climática e menos dependente da impermeabilización e do cemento.

A campaña entrou xa na súa última fase despois de conseguir reunir unha parte moi importante dos fondos previstos. Agora, menos de 4.000 euros separan a campaña do obxectivo final. ADEGA considera que o apoio acadado ata o momento demostra que existe unha cidadanía disposta a defender o río Rato e o seu patrimonio natural, e confía en que este respaldo permita completar a financiación nos próximos días.

Coñecer o Rato para defendelo

Como parte das actividades da campaña, ADEGA-Lugo organizará este sábado un roteiro polo primeiro tramo do río Rato. A saída será desde o parque de Paradai de abaixo, ás 16 horas. Para anotarse hai que enviar un correo a adegalugo@adega.gal

Durante o percorrido, as persoas participantes poderán coñecer o río, a súa contorna e a importancia de conservar os espazos que alimentan o seu caudal.

De cara ao final da campaña de recadación, ADEGA-Lugo organizará unha foliada no lugar de Reque, nas beiras do río Rato.

ADEGA anima a participar nas actividades programadas e, sobre todo, a dar un último empurrón á campaña «Río Rato sen cemento». O obxectivo está ao alcance: quedan 15 días e menos de 4.000 euros. Cun último esforzo colectivo, a organización poderá contar cos recursos necesarios para defender as nacentes do Rato tamén nos tribunais.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal