Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As 500 árbores plantadas por voluntariado de...
09-09-2026
Un ano despois dos graves incendios forestais que arrasaron os montes de Valdeorras, a vida ábrese paso neles: os centos de salgueiros, ameneiros, pradairos, freixos ou cancereixos que o voluntariado de ADEGA plantou na pasada primavera medran agora vizosos no lugar en que o lume só deixara cinsas e desolación.
A pasada semana, persoal técnico de ADEGA, nos seus labores de seguimento e vixilancia das accións de restuaración desenvolvidas no monte, desprazouse até os espazos da comarca de Valdeorras nos que levara a cabo unha plantación de máis de 500 árbores froiteiras e de ribeira no pasado mes de abril. Alí, a asociación puido comprobar que a meirande parte das árbores plantadas, a pesar das condicións desfavorables – situación de seca e estado dos solos queimados -, sobreviven e presentan un bo estado. Mesmo algunhas que aparentemente secaran, como foi o caso dalgún salgueiro, xa contan con pequenos novos brotes.
Hoxe, estas ábores son un sinal de vida nos montes de Valdeorras devastados polos incendios forestais. Os froitos que produzan contribuirán aos poucos á recuperación e rexeneración natural destes espazos.
O campo de voluntariado para a plantación destas árbores desenvolveuse os días 7, 8, 9 e 10 de abril no marco do Proxecto Ríos, co obxectivo de promover o coidado do medio natural e a participación da mocidade en actividades ambientais. Neste campo, que contou co financiamento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e coa colaboración do Concello de Vilamartín de Valdeorras, participou alumnado chegado de Madrid, concretamente, do IES Alto Jarama de Torrelaguna. Unha trintena de estudantes de 4º da ESO e de FP Básica en Aproveitamentos Forestais, de entre 15 e 17 anos, acompañados por profesorado, colaborou nos traballos coa veciñanza de distintas zonas do concello, como San Vicente de Leira e a contorna do río Leira.
Anteriormente, en outubro de 2025, o voluntariado de ADEGA actuou por primeira vez tralos incendios forestais en cinco zonas da comarca de Valdeorras para previr a erosión do solo e as escorrentías e recuperar canto antes os servizos ecosistémicos. Un total de 70 persoas chegadas de diferentes puntos de Galiza aplicaran daquela máis de 17.500 m² de mulching (espallado de palla) e 18 trampas de sedimento co obxectivo de mitigar no posible a perda de biodiversidade e a afección ao solo.
ADEGA lembra que a Xunta unicamente aplicou medidas de restauración ambiental no 0,16% da superficie queimada en 2025, o que supón menos de 200 das 118.966 hectáreas arrasadas. Só o voluntariado de ADEGA foi quen de intervir en máis de 120 entre outubro de 2025 e abril de 2026, tanto na comarca de Valdeorras coma na aldea do Sexo, en Santiso. Se unha entidade como ADEGA puido facelo, a Xunta, con vontade política, podería ter ampliado considerablemente o alcance das medidas de restauración.
Ante un escenario agravado pola crise climática, a administración galega non pode continuar debaténdose entre a inacción e a confianza nun modelo de xestión dos lumes fracasado. As propostas para minimizar o impacto dos incendios son sobradamente coñecidas, e pasan por combinar mudanzas estruturais, accións concretas e medidas transversais. Por iso, ADEGA demanda, máis unha vez, plans de recuperación a longo prazo debidamente orzamentados e medidas de choque para a protección, restauración e rexeneración dos terreos queimados.
As accións desenvolvidas até o de agora por ADEGA evidencian a gran capacidade de acción que podería desenvolver un voluntariado galego en defensa do monte debidamente coordinado, que actúe durante todo o ano contra os lumes forestais, non só realizando traballos de retención do solo, freo da erosión ou control da escorrentía, senón en todas as fases da restauración hidrolóxica e da flora e fauna dos montes queimados, no desenvolvemento de labores de seguimento, vixilancia, prevención, sensibilización e concienciación da poboación a longo prazo. A organización ecoloxista apela á Xunta a asumir as súas competencias e responsabilidades neste sentido.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal