ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Outro parque eólico paralisado polo TSXG tramita...

03-09-2026

Outro parque eólico paralisado polo TSXG tramita a súa utilidade pública

ADEGA esixe á Xunta que respecte as decisións da Xustiza e non conceda ningunha utilidade pública a parques paralisados


Primeiro foi o Xesteirón e agora o Rodicio II. A empresa ENGIE insiste en continuar coa tramitación dos seus parques paralisados polo TSXG e ADEGA esixe á Xunta que respecte as decisións da Xustiza e denegue todas as solicitudes de utilidade pública de eólicos xudicializados.

O parque eólico Rodicio II, nos concellos de Maceda e Montederramo, ao carón do Macizo Central Ourensán, inicialmente promovido por Greenalia e posteriormente vendido á empresa francesa ENGIE, a antiga GDF Suez (Gaz de France) foi recorrido por ADEGA en 2023 mediante a interposición dun contencioso-administrativo no TSXG. O Alto Tribunal Galego concedeu as medidas cautelares solicitadas e paralizou a execución da infratestrutura en abril de 2024.

O Rodicio II é unha das instalacións que entrou no pacote de 182 MW que Greenalia vendeu á francesa ENGIE por 58 millóns de €. Esta venda anunciouse a principios de xuño de 2023, poucos días despois (26 de maio de 2023) de que o TSXG anulara as autorizacións do parque eólico Campelo, o primeiro dun longo ronsel de parques anulados a Greenalia polo Alto Tribunal galego.

É moi probábel que este proxecto, xunto cos demais suspendidos polo TSXG a ENGIE (Xesteirón de 39,6 MW), As Penizas de 31,2 MW), Touriñán III-2 de 24 MW e Suime de 30 MW), continúe paralisado até que se resolva o fondo do asunto, posibelmente dentro de varios anos. Lembremos que dos máis de 80 parques paralizados cautelarmente polo Alto Tribunal galego, só os dous primeiros (Campelo e Bustelo, precisamente de Greenalia e recorridos en 2022) foron obxecto de sentenza, e ademais contraria en primeira instancia aos intereses da promotora.
Esta solicitude de utilidade pública pretendería aumentar a presión sobre a administración e criar incertidume na veciñanza, xa que un procedemento de utilidade pública leva aparellada a urxente ocupación de bens e dereitos. Sería pois dunha manobra claramente intimidatoria cara á veciñanza, que a Xunta debería rexeitar de plano.

As demoledoras consideracións do TSXG que Xunta e empresa pretenden ignorar

Na área afectada por este parque habitan especies ameazadas coma a aguia real, o voitre branco ou o millafre real, e sitúase a escasa distancia das ZEC Bidueiral de Montederramo e Macizo Central. A respeito destas afeccións, o Tribunal sinalou nos fundamentos do seu auto de paralización cautelar que:

  • O impulso da enerxía eléctrica debe planificarse evitando toda posible interferenza para a Rede Natura 2000, evitando o impacto visual dos parques eólicos nas proximidades do LIC, sen que poidan situarse na súa proximidade para logo pretender ampliar a Red Natura cando as especies a protexer non entenden de planeamento ou fronteiras, polo que as zonas ecoloxicamente relevantes deben obter unha protección íntegra, sen que poida haber espazos protexidos rodeados de muíños.
E sobre a utilidade pública reclamada agora pola empresa, e os posíbeis prexuízos derivados da demora na execución das obras, o Tribunal sinala tamén no fundamento terceiro do Auto de cautelares do P. E. “Rodicio II”:

  • TERCEIRO.- Que, como considerou esta Sala no F.D. 3º do auto de 14-2-24, PSS num. 7215/23, o ‘periculum in mora’, retraso que leva aparellada a suspensión do acto administrativo na posta en marcha da instalación (para o suposto dunha futura desestimación do recurso contencioso), retraso que implica un importante interese só se existira a necesidade perentoria para o interese xeral de obter a electricidade através dese concreto parque eólico, cuestión que non pode predicarse polo feito de que a Xunta declare a utilidade pública do parque, reducíndose, en tal caso de desestimación do recurso, os prexuizos nun retraso da posta en marcha da instalación, prexuizos manifestamente relativos se atendemos ao tiempo ao que se remonta o comenzo do expediente administrativo e o transcurso até a súa aprobación, sendo responsables de tal demora, en todo caso, a Administración e/ou a promotora.
En consecuencia, ADEGA vén de achegar estas e outras consideracións no seu escrito de alegacións contra a solicitude de utilidade pública do PE Rodicio II, reclamando á Xunta que denegue esta solicitude de declaración de utilidade pública, e que mentres haxa parques suspendidos en cautela pola Xustiza, se respecten as decisións xudiciais e non se autorice ningún outro avance administrativo neses expedientes.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal