Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Obras en Ons: A Xunta converte o Parque Nacional...
26-08-2026
A "chiringuitización" da natureza é o resultado da nefasta xestión que a Xunta fai dos espazos naturais protexidos, ao entendelos como simples decorado para o turismo masivo. Agora toucoulle ao "acondicionamento" da Illa de Ons.
As obras, cun custo total de 2,02 millóns de € pretenden segundo a Xunta "acondicionar" a Illa de Ons, "recuperar a calidade dos espazos públicos e tradicionais" e "implantar melloras de protección ambiental" co obxectivo de "diversificar a oferta e desenvolver recursos turísticos". Na realidade as actuacións consistiron en deitar toneladas de cemento, enlousar 4000 m2 con novo pavimento, escavar pistas, amorear entullos, talar árbores autóctonas... e todo nun Parque Nacional, o Marírimo-Terrestre das Illas Atlánticas, a figura de máxima protección ambiental que temos en Galiza.
Resulta particularmente chocante o novo (xa había un de lousa) empedrado dos accesos ao bairro do Curro, con profusión de elementos de mobiliario urbano e balaustres de granito máis propios dunha contorna urbana, actuacións que alteran identidade cultural e estética deste singular recuncho de Ons.
Mais as "intervencións" realizadas nos accesos e na propia praia de Area dos Cans non teñen xustificación algunha dende unha perspectiva de conservación ambiental, principal obxectivo dun Parque Nacional: Eliminouse vexetación autóctona, como varios salgueiros (Salix atrocinerea) e mesmo un vello estripeiro (Crataegus monogyna), refuxio e alimento da fauna, para "acondicionar" un merendeiro-mirador sobre a praia deixando intacta a vexetación alóctona invasora (Robinia pseudoacacia). Outra grave agresión foi o escavado e a cementación do acceso a esta praia, cunha plataforma de formigón vertida sobre o mesmo areal.
Tanto as obras de "acondicionamento" licitadas en 2023 por 1,69 millóns de €, como as de 2025 (acceso á praia de Area dos Cans) por outros 330.000 €, foron promovidas pola Axencia de Turismo de Galiza, dependente directamente de Presidencia e financiáronse maioritariamente con fondos NextGenerationEu.
Malia a afectar a un territorio protexido (ZEPA e ZEC da Rede Natura 2000), e cun Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) en vigor dende 2019 -non foi sen tempo-, estas intervencións non se someteron a unha consulta pública previa nin foron obxecto de avaliación ambiental. Deste xeito, nin o Padroado do propio Parque Nacional nin outras entidades vencelladas á Illa, nin por suposto a propia veciñanza de Ons tivo a oportunidade de achegar as súas consideracións.
Cómpre lembrar que nun Parque Nacional, o principal obxectivo é a consevación dos seus valores naturais, xa que se trata de espazos de alto valor ecolóxico e cultural pouco alterados polo ser humano, nos que debe prevalecer o principio de non intervención. Por iso chama aínda máis a atención que fora precisamente Turismo e non Medio Ambiente o departamento promotor das obras, o que dá unha idea das prioridades da Xunta para o Parque Nacional: servir de decorado para o turismo masivo. E se isto acontece nun territorio coa maxima protección ambiental de Galiza, que poden agardar os demais espazos protexidos?
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal