ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Nova poboación de planta en perigo crítico de...

07-08-2026

Nova poboación de planta en perigo crítico de extinción ameazada por unha infraestrutura da Xunta

Mapa da poboación afectada pola infraestrutura

Unha nova poboación de Euphorbia uliginosa Welw. ex Boiss. (leiteiriña das brañas) foi recentemente descoberta por ADEGA xusto no trazado aprobado da variante de Carballo, que o Consello da Xunta vén de autorizar. É o que acontece cando a avaliación ambiental convírtese nun mero (e molesto) trámite, con escasa profundidade e rigor.

A variante de Carballo (AC/20/087.01) foi definitivamente aprobada polo Consello da Xunta o 22 de xuño pasado, publicándose o acordo no DOG do 3/7/2026. No seu momento, a obra foi sometida a Avaliación de Impacto Ambiental (AIA) simplificada, emitíndose Informe de Impacto Ambiental (IIA) favorábel.
Na autorización ambiental non había ningunha referenza á posíbel presenza de flora ameazada, particularmente de Euphorbia uliginosa, especie incluida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) coa categoría “En perigo de extinción” e considerada pola IUCN como “En perigo crítico”, código CR B2ab(ii,iii,iv,v): En Perigro Crítico; distribución xeográfica reducida; área de ocupación menor a 10 km2; poboación fragmentada ou extremadamente recluida; diminución continua da área de ocupación, da calidade do hábitat, e das localidades e individuos maduros. Trátase pois dunha das plantas máis ameazadas da flora europea.

Durante o periodo de consulta pública da obra, diversas alegacións sinalaron a posíbel presenza de especies ameazadas, nomeadamente de Euphorbia uliginosa na zona das obras, xa que no polígono de Bértoa situado ao N da conexión coa variante, reside un dos núcleos máis importantes desta especie a nível mundial. A Xunta (Axencia Galega de Infraestruturas) despachounas indicando que o proxecto xa foi obxecto dun Informe Ambiental favorábel que non considerou efectos adversos sobre o medio ambiente.

Cromo: M. Fiz, de biodiversidade.eu

O pasado mes de xullo, persoal de ADEGA visitou diversos lugares próximos ao trazado da variante para realizar prospeccións de campo en busca de hábitats favorábeis para a E. uliginosa e outras especies protexidas. Como resultado atopouse unha nova poboación de Euphorbia uliginosa afectada directamente polas obras. Nese mesmo punto apareceu tamén a gramínea ameazada Agrostis (=Linkagrostis) juresii Link, considerada “Vulnerábel” no CGEA. As principais ameazas para estas dúas especies protexidas son a transformación dos seus hábitats (zonas húmidas sobre substratos básicos), xusto nos que a obra impacta de pleno.

Unha avaliación ambiental pouco rigorosa trae estas consecuencias

Ao igual que aconteceu con outras infraestruturas, quer numerosos parques eólicos, moitos deles paralisados ou anulados pola Xustiza, a tramitación ambiental desta obra foi inaxeitada e pouco rigorosa.
Considerando que a administración coñecía a presenza constatada de especies ameazadas en áreas próximas á obra, da que ademais a Xunta foi advertida nas alegacións, o proxecto debeu ser sometido cando menos a unha Avaliación Ambiental Ordinaria, e terse realizado unha prospección intensiva. Nin na documentación do proxecto nin na posterior autorización emitida pola D. X. de Calidade Ambiental e Sostibilidade menciónase a posíbel presenza destes taxóns, e en resposta ás alegacións que llelo indicaban, a Administración voltou a ignorar este feito.

ADEGA vén agora de poñer en coñecemento da Xunta, promotora da obra, esta situación. Reclamámoslle que proceda en cauela á aplicación dos condicionados recollidos no Informe de Impacto Ambiental, que establecen, a respeito da protección da biota, o seguinte: "De atoparse ou demostrarse a existencia de especies incluidas no CGEA, na zona donde se pretende actuar, prohíbese calquera actuación que lles afecte."
Aliás, reclamámoslle que realice unha nova prospección de campo máis exhaustiva para verificar e completar os resultados das realizadas por ADEGA, e que tome as medidas precisas para garantir a integridade e o bo estado das poboacións dos taxóns protexidos potencialmente afectados pola obra.

Outra volta, o neglixente proceder da Xunta coa tramitación ambiental dunha infraestrutura provoca unha ameaza directa ao noso patrimonio natural máis ameazado, aliás de novas demoras e sobrecustos que pagará a cidadanía.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal