Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A nova Sala Terceira do TSXG frea cautelarmente...
05-08-2026
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) dá novamente a razón a ADEGA e acorda a paralización cautelar do proxecto eólico Fial das Corzas, promovido por Iberdrola nos concellos de Laza e Vilar de Barrio.
Trátase da segunda paralización cautelar por riscos ambientais adoptada, a instancias de ADEGA, pola sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo após o traslado forzoso dos maxistrados Luís Villares e Dolores López á sección 4ª e despois de que a Xunta atribuíse a parálise do sector á súa suposta parcialidade.
A nova composición da sección 3ª acolle de novo unha solicitude de paralización cautelar de ADEGA (tras a do proxecto Pena do Pico), ao considerar acreditada a existencia de indicios de riscos ambientais de difícil ou imposible reparación derivados da eventual construción do polígono eólico Fial das Corzas. Este parque proxéctase a poucos metros do Macizo Central ourensán e as súas infraestruturas, 8 muíños de 180 metros de altura, impactarían de forma moi significativa sobre o Parque Natural do Invernadoiro e sobre tres zonas de especial conservación: o propio Macizo Central, o Bidueiral de Montederramo e o río Támega, espazos integrados na Rede Natura 2000.
No auto, con data do 14 de xullo de 2026, a Sala sostén que "ningunha norma autonómica ou estatal, nin en sede cautelar nin substantiva principal, pode autorizar unha industria se esta é susceptible de menoscabar ou degradar de maneira desprotexida un elemento do ecosistema preexistente", polo que conclúe que o interese público superior pasa por "salvagardar a contorna natural". A resolución tamén recolle que a transición enerxética non pode prevalecer de xeito automático sobre a protección ambiental; e que os principios de precaución e prevención do dereito da Unión Europea obrigan a actuar antes de que se produzan danos irreversibles.
En concreto, no seu informe, ADEGA identificou indicios de importantes afeccións sobre a avifauna ameazada e sobre a Rede Natura 2000. Entre elas, sinala o risco de colisión, a perda de hábitat e a fragmentación territorial para especies catalogadas como vulnerables ou en perigo de extinción, como a aguia real, o millafre real, a gatafornela ou os voitres negro e leonado.
A asociación ecoloxista tamén advirte de que a proximidade das infraestruturas ao Parque Natural do Invernadoiro e ás ZEC Macizo Central, Bidueiral de Montederramo e Río Támega alteraría os corredores ecolóxicos e as áreas esenciais de campeo, alimentación e reprodución destas especies.
Así mesmo, o informe alerta dun impacto acusado sobre numerosas zonas húmidas (especialmente, no río Cereixo e Cabras, e nos afluentes do Támega) e sobre os mamíferos que transitan por esta paraxe, ao constituír o proxecto unha barreira para a expansión do oso pardo, observado de novo nestas montañas nos últimos anos.
A Sala considera que estes indicios de risco ambiental son suficientes para aplicar o principio de precaución, xa que unha eventual sentenza favorable podería quedar, di, "reducida a papel mollado pola consumación de feitos irreparables". Conclúe, pois, que debe prevalecer a preservación do substrato ecolóxico e acorda a suspensión cautelar do proxecto mentres non se resolva o recurso principal.
Para ADEGA, esta resolución xudicial volve poñer de manifesto as graves carencias na tramitación administrativa dos proxectos eólicos por parte da Xunta de Galiza; e reclama, máis unha vez, unha planificación do sector baseada en criterios de sustentabilidade ambiental e no estrito cumprimento da lexislación. Esta nova vitoria nos tribunais foi posible grazas ás achegas da veciñanza e de persoas comprometidas co medio ambiente á campaña de micromecenado #TiPodesParalos, a través da que se conseguiron reunir os fondos necesarios para afrontar os custos deste proceso xudicial. Agradecemento especial á Arca da Noe, en Vilar de Santos, pola súa implicación e apoio nesta causa.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal