ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A nova Sala Terceira do TSXG frea cautelarmente...

05-08-2026

A nova Sala Terceira do TSXG frea cautelarmente outro proxecto eólico polos seus riscos ambientais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) dá novamente a razón a ADEGA e acorda a paralización cautelar do proxecto eólico Fial das Corzas, promovido por Iberdrola nos concellos de Laza e Vilar de Barrio.

Trátase da segunda paralización cautelar por riscos ambientais adoptada, a instancias de ADEGA, pola sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo após o traslado forzoso dos maxistrados Luís Villares e Dolores López á sección 4ª e despois de que a Xunta atribuíse a parálise do sector á súa suposta parcialidade. 

A nova composición da sección 3ª acolle de novo unha solicitude de paralización cautelar de ADEGA (tras a do proxecto Pena do Pico), ao considerar acreditada a existencia de indicios de riscos ambientais de difícil ou imposible reparación derivados da eventual construción do polígono eólico Fial das Corzas. Este parque proxéctase a poucos metros do Macizo Central ourensán e as súas infraestruturas, 8 muíños de 180 metros de altura, impactarían de forma moi significativa sobre o Parque Natural do Invernadoiro e sobre tres zonas de especial conservación: o propio Macizo Central, o Bidueiral de Montederramo e o río Támega, espazos integrados na Rede Natura 2000.

No auto, con data do 14 de xullo de 2026, a Sala sostén que "ningunha norma autonómica ou estatal, nin en sede cautelar nin substantiva principal, pode autorizar unha industria se esta é susceptible de menoscabar ou degradar de maneira desprotexida un elemento do ecosistema preexistente", polo que conclúe que o interese público superior pasa por "salvagardar a contorna natural". A resolución tamén recolle que a transición enerxética non pode prevalecer de xeito automático sobre a protección ambiental; e que os principios de precaución e prevención do dereito da Unión Europea obrigan a actuar antes de que se produzan danos irreversibles.

O proxecto afectaría avifauna ameazada

En concreto, no seu informe, ADEGA identificou indicios de importantes afeccións sobre a avifauna ameazada e sobre a Rede Natura 2000. Entre elas, sinala o risco de colisión, a perda de hábitat e a fragmentación territorial para especies catalogadas como vulnerables ou en perigo de extinción, como a aguia real, o millafre real, a gatafornela ou os voitres negro e leonado.

A asociación ecoloxista tamén advirte de que a proximidade das infraestruturas ao Parque Natural do Invernadoiro e ás ZEC Macizo Central, Bidueiral de Montederramo e Río Támega alteraría os corredores ecolóxicos e as áreas esenciais de campeo, alimentación e reprodución destas especies.

Así mesmo, o informe alerta dun impacto acusado sobre numerosas zonas húmidas (especialmente, no río Cereixo e Cabras, e nos afluentes do Támega) e sobre os mamíferos que transitan por esta paraxe, ao constituír o proxecto unha barreira para a expansión do oso pardo, observado de novo nestas montañas nos últimos anos.

A Sala considera que estes indicios de risco ambiental son suficientes para aplicar o principio de precaución, xa que unha eventual sentenza favorable podería quedar, di, "reducida a papel mollado pola consumación de feitos irreparables". Conclúe, pois, que debe prevalecer a preservación do substrato ecolóxico e acorda a suspensión cautelar do proxecto mentres non se resolva o recurso principal.

Un logro da loita social

Para ADEGA, esta resolución xudicial volve poñer de manifesto as graves carencias na tramitación administrativa dos proxectos eólicos por parte da Xunta de Galiza; e reclama, máis unha vez, unha planificación do sector baseada en criterios de sustentabilidade ambiental e no estrito cumprimento da lexislación. Esta nova vitoria nos tribunais foi posible grazas ás achegas da veciñanza e de persoas comprometidas co medio ambiente á campaña de micromecenado #TiPodesParalos, a través da que se conseguiron reunir os fondos necesarios para afrontar os custos deste proceso xudicial. Agradecemento especial á Arca da Noe, en Vilar de Santos, pola súa implicación e apoio nesta causa.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal