ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA pide á Xunta maior control no tratamento de...

05-08-2026

ADEGA pide á Xunta maior control no tratamento de residuos da construción e non máis plantas

Advirte que a capacidade para tratar residuos da construción en Galiza xa supera nun 700% a súa xeración anual.


Galiza dispón xa de infraestrutura máis que suficiente para tratar residuos da construción e demolición (RCD), cunha capacidade autorizada que supera nun 700% o volume anual destes residuos. É a principal conclusión da análise elaborada pola delegación de ADEGA en Compostela, na que se conclúe que Galiza non precisa novas plantas de tratamento, senón unha mellora do seguimento e do control do sistema actual.

Segundo os datos recompilados por ADEGA-Compostela a partir do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA 2023-2030) e da normativa estatal en materia de residuos, Galiza conta actualmente con 66 instalacións autorizadas para a valorización destes residuos, cunha capacidade total superior aos 4,8 millóns de toneladas anuais. Esta cifra multiplica por oito a cantidade de residuos da construción e demolición xerados cada ano, o que supón unha capacidade aproximadamente un 700 % superior ás necesidades actuais.

No caso da contorna de Santiago de Compostela, ADEGA lembra que xa existen catro plantas autorizadas en concellos próximos, incluída unha no municipio de Teo. Por este motivo, considera que non existe unha necesidade que xustifique a autorización dunha nova planta de tratamento de RCD en Teo, un proxecto que, ademais, está a provocar unha ampla constestación veciñal.

Falta de información e control sobre a xestión dos residuos

A organización sinala que o problema non é a falta de infraestruturas, senón a ausencia de información e control sobre a xestión efectiva destes residuos. En particular, expón que o propio PRIGA recoñece que non existen evidencias suficientes para avaliar se se está a cumprir a obriga legal de separar correctamente os residuos na propia obra, tal e como establece a Lei 7/2022.

ADEGA-Compostela tamén cuestiona que a planificación da Xunta non permita coñecer con precisión que parte dos residuos se destina realmente á reutilización e á reciclaxe de calidade e cales rematan noutras formas de valorización de menor valor ambiental. Esta falta de transparencia dificulta avaliar o cumprimento da xerarquía europea de xestión de residuos, que prioriza a prevención, a reutilización e a reciclaxe fronte a outras opcións. 

Así mesmo, a organización ecoloxista considera que moitas das medidas anunciadas no PRIGA 2023-2030, como a promoción do uso de áridos reciclados ou o impulso á reutilización de materiais da construción, xa figuraban en planificacións anteriores sen que existan evidencias claras da súa aplicación efectiva. Por todo isto, ADEGA-Compostela reclama á Xunta de Galiza que priorice a inspección e o control das plantas existentes, garanta a correcta separación dos residuos na súa orixe e fomente de maneira efectiva a reutilización e a reciclaxe dos materiais procedentes da construción e demolición, antes de seguir autorizando novas instalacións.

A protección ambiental e a boa planificación territorial pasan por optimizar os recursos xa existentes e asegurar o cumprimento da normativa, en lugar de incrementar unha capacidade de tratamento que, segundo os datos oficiais, resulta amplamente suficiente para cubrir as necesidades actuais de Galiza.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal