Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta volve adiar a declaración de zonas...
21-07-2026
A primeiros do mes de xullo a Xunta abreu a consulta sobre o proxecto de Decreto para reducir a contaminación por nitratos... outra vez. Xa o fixera en 2025, sen que chegara a aprobar nada. E así dende o ano 2000, adiando a toma de medidas e facendo gala dun negacionismo cómplice mentras proliferan as plantas de biometano como falsa solución.
Dende os anos 90 do pasado século Europa puxo de manifesto a necesidade de protexer as augas contra a contaminación producida polos nitratos de orixe agraria (Directiva 91/676/CEE). Esta norma foi transposta ao ordenamento xurídico estatal polo RD 261/1996, obrigando ao Estado a identificar as augas afectadas pola contaminación por nitratos de orixe agraria; designar zonas vulnerábeis e poñer en marcha programas para eliminar ou reducir os efectos dos nitratos nas augas. O cumprimento destas medidas revisábase cada 4 anos.
En 2022 aprobouse o RD 47/2022 que substituía e ampliaba o RD 261/1996. Aínda que o obxectivo seguía a ser a redución dos nitratos, consideraba tamén outras substancias eutrofizantes como o fósforo. Obrigaba tamén a identificar como augas afectadas aquelas que polo seu nivel de nitratos non acadaran os obxectivos ambientais no Plano Hidrolóxico, rebaixaba o limiar de nitratos e impoñía requisitos máis estritos para o seguemento desta contaminación.
O RD 47/2022 definía tamén as zonas vulnerábeis (ZZVV) como todas as superficies cuxa escorrenta flúa cara as augas afectadas por nitratos e que contribúan, aínda minimamente, á súa contaminación. Estas ZZVV deben designalas as CCAA, dándolles 3 anos de prazo para a súa designación dende o 21 de maio de 2022. E nos os dous anos seguintes á designación de ZZVV, as CCAA deberían poñer en práctica programas de actuación cuatrienais para previr e reducir a contaminación por nitratos, fixando limiares máis baixos para o abonado agrario.
Dende a entrada en vigor do primeiro Decreto en 1996 e até abril de 2025, a Xunta non declarou ningunha zona vulnerábel. É máis, no ano 2000, data na que vencía o primeiro prazo para declarar/revisar as ZZVV, a Xunta declarou formalmente que non había ningunha ZZVV en Galiza.
Malia á existencia de áreas cunha alta carga gandeira, problemas de contaminación por unha deficiente xestión dos xurros ou eutrofización (A Limia, encoro das Cunchas, encoro de Caldas...), postos de manifesto nas analíticas dos Planos Hidrolóxicos, ao longo dos sucesivos períodos de revisión (2004-2007; 2008-2011 e 2012-2015) o Goberno Galego seguiu sen actuar e sen declarar zona vulnerable algunha.
No informe de seguimento dos nitratos para o período 2016-2019, o Estado daba conta que a Xunta seguía sen declarar ningunha zona vulnerábel. Informaba tamén de que a Comisión Europea, abrira un procedemento sancionador (nº 2018/2250) pola presenza de niveis significativos de eutrofia en varios puntos das bacías internas de Galiza, e da consecuente urxencia de declarar ZZVV.
Naquela altura a Xunta comunicou ao organismo estatal a redacción dun estudo, referido a 12 encoros da demarcación de Galiza-Costa, para concretar os factores responsábeis dos impactos observados. Nin no DOG nin na plataforma de contratos de Galiza figura referenza algunha a ter licitado dito estudo.
E no último informe de seguemento, correspondente ao período 2020-2023, a Xunta segue sen actuar e sen declarar zona vulnerable algunha. A Xunta argumentou que non se procedera á declaración porque xustamente estaba a traballar na declaración de ZZVV ("trabajando en ello").
En maio de 2022 o Ministerio publicou os mapas de augas afectadas por contaminación difusa, sinalando o elevado número de encoros eutrofizados en Galiza. Daquela a Xunta informou da realización doutro estudo específico para intentar determinar a orixe desa eutrofización (similar ao que dixo que licitara no período anterior) porque consideraba que en moitos deses encoros a contaminación agraria non debía ser significativa, a pesar que as análises apontan a que estas fontes representan máis do 80%. Dende ADEGA solicitamos tamén os resultados deste estudo e un ano despois aínda non recibimos resposta.
En xullo de 2025 a Xunta abríu unha consulta pública para avaliar un anteproxecto de decreto sobre contaminación por nitratos de orixe agraria, sinalando 7 zonas vulnerábeis. Dito decreto non foi aprobado e xa que logo tampouco houbo ningunha declaración de ZZVV. Sen publicar os resultados desta consulta e sen aprobar a regulamentación anunciada no seu momento, en xullo deste ano a Xunta volve a sacar a consulta o mesmo proxecto de Decreto...
Desta volta a excusa da Xunta foi verificar que a contaminación por nitratos débese fundamentalmente a fontes agrarias, para así confrontar co Ministerio e evitar os custos políticos que tería para o PP poñerlle couto ás macrogranxas e á contaminación por xurros.
Fronte á súa reiterada inacción, a Xunta pretende ofrecer como solución a promoción de grandes plantas de biometanización (dixestión anaerobia) para dar saída aos excedentes de xurro das explotacións gandeiras e reducir así a cantidade de nitratos que chegan ás augas. Porén, as grandes instalacións industriais estanse a promover sen planificación de ningún tipo e están orientadas exclusivamente ao negocio do biometano para usos enerxéticos. Ademais estas instalacións non van servir para reducir a carga de nitratos, xa que terán que xestionar unha enorme cantidade de dixestato, no que se concentra o nitróxeno e o fósforo, que en función do proceso aplicado pode non ser apto para o seu uso no solo.
Os proxectos presentados até o de agora non deron unha axeitada resposta a este e a outros aspectos do proceso (recuperación de materia orgánica, enerxía, auga, xestión de metais pesados, fitosanitarios, antibióticos...), obviando tamén cuestións chave como o fomento da redución da produción de xurros, as fugas de metano e outros gases, ou a descentralización e a circularidade e balanzo enerxético nas propias explotacións.
A produción de biogás a partir dos residuos agrogandeiros de forma distribuida e a pequena escala, podería ser unha vía interesante para a redución dos custos enerxéticos das explotacións e da pegada de carbono, baixando o impacto das explotacións sobre o clima. Esta vía lévase reclamando desde hai décadas polo ecoloxismo, e debería ter sido fomentada pola Xunta como seu fixo noutros países, do que é exemplo Alemaña, entre outros. Pola contra, a promoción dunha industria do biogás concibida como grandes plantas centralizadas en poder das multinacionais enerxéticas perde todos estes beneficios. Carga os custos económicos no sector gandeiro, ao atribuírlle a obriga de pagar polo tratamento deses residuos, e aprópiase das plusvalías. Desde o punto de vista ambiental, da descarbonización, as emisións do transporte dos xurros líquidos desde as granxas á macroplanta anulan os potenciais efectos beneficiosos. E compre aclarar novamente que a dixestión anaerobia dos xurros non reduce as cargas de nitróxeno e outros fertilizantes, polo que non son a solución para o problema dos nitratos nen teñen a ver coa declaración ou non de ZZVV.
-A contaminación das augas por nitratos é un grave problema ambiental que pode afectar tamén á calidade de vida e á saúde das persoas. A Xunta non pode ignoralo por máis tempo e debe cumprir de inmediato coas disposicións da Directiva de Nitratos 91/676/CEE, declarar as ZZVV e aprobar os correspondentes programas de actuación e os códigos de boas prácticas para esas zonas.
- Moratoria firme para a gandaría sen terra, non autorizando ningunha nova explotación gandeira que non acredite dispor de terra dabondo, en propiedade ou en aluguer, para a xestión adecuada de todos os xurros que xere, sen que se poida aceptar a cesión dos xurros a "xestores autorizados".
- En zonas como a Limia ou a comarca do Deza que xa teñen superado con moito a carga gandeira por hectárea de superficie agraria útil, faise necesario elaborar e executar un Plan de Vulnerabilidade orientado a reducir a carga gandeira e a pór a disposición das explotacións a terra necesaria para a xestión adecuada dos xurros.
- Os proxectos de plantas de biogás e biometano que neste momento se están a promover en Galiza veñen da man das empresas eléctricas e de combustíbeis fósiles, interesadas non en resolver os problemas asociados á xestión dos residuos, senón unicamente no negocio económico. A pesar dos seus impactos ambientais e sociais, están a proliferar sen que exista un Plan Galego do Biogás. Reivindicamos unha planificación que regule exhaustivamente o estabelecemento deste tipo de instalacións, cando menos polo que se refire a: ubicación e distancias; tipo de residuos e transporte; e xestión integral do dixestato.
Mentres non se aprobe unha planificación que regulamente o sector do biogás, a Xunta debe establecer unha moratoria para este tipo de macroinstalacións industriais.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal