Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ALTRI incumpre todos os obxectivos ambientais do...
03-07-2026
ALTRI segue sen renunciar ao seu proxecto. Recentemente, achegou un “informe independiente” elaborado pola certificadora Bureau Veritas, para (previo pago) certificar o cumprimento do principio DNSH (Do Not Significant Harm - non causar prexuízo significativo), requirido pola UE para apoiar investimentos en proxectos sustentábeis. Deste xeito, a empresa trata de condicionar a decisión da Xunta que ten que resolver o procedemento de AIA (Autorización Ambiental Integrada) para a súa macrocelulosa en Palas de Rei, feito que polo momento non tivo lugar. Até o de agora, Rueda nin resolveu a denegación do proxecto de ALTRI en Palas de Rei, nin o arquivou, polo que a macrocelulosa segue constituíndo unha ameaza para o país.
O Principio DNSH (Do No Significant Harm) é unha condición definida pola Comisión Europea que obriga a asegurar que un proxecto non afecta negativamente a ningún dos 6 obxectivos medioambientais definidos no Regulamento 852/2020. Este Regulamento (UE) 852/2020 relativo aos investimentos sustentábeis, establece no seu Artigo 9 cales son eses 6 obxectivos medioambientais que os proxectos deben respectar (non afectar negativamente a un ou a varios) para seren considerados sustentábeis e, consecuentemente, obter aopio e financiamento europeo:
a) mitigación do cambio climático;
b) adaptación ao cambio climático;
c) uso sustentábel e protección dos recursos hídricos e mariños;
d) transición para unha economía circular;
e) prevención e control da contaminación;
f) protección e recuperación da biodiversidad e dos ecosistemas.
ADEGA fixo un "fact check" ao proxecto de ALTRI para cada un dos obxectivos medioambientais do Regulamento UE 852/2020 e, contrariamente ao concluído por Bureau Veritas no seu informe para a pasteira, a macrocelulosa do "Proxecto Gama" incúmpreos todos.
Polo que atinxe á mitigación e adaptación ao cambio climático (obxectivos a e b), o proxecto e ALTRI oculta a súa pegada de Carbono (CO2 e CO) ao obviar que a queima do licor negro, lamas de depuradora e da codia e restos de madeira, para a produción de vapor e a xeración de electricidade, é un foco importante de emisións destes gases de efecto invernadoiro. ALTRI tampouco informa sobre as emisións de amoniaco (NH3), compostos orgánicos volátiles distintos do metano (COVNM), óxido nitroso (N2O), dioxinas e furanos (PCDD+PCDF), carbono orgánico total (COT), metano (CH4), mercurio (Hg), cadmio (Cd), zinc (Zn)… Facendo unha estimación por comparación con outras industrias similares, as emisións en gases de efecto invernadoiro da macrocelulosa de ALTRI, principalmente CO2, poderían abeirar as 100.000 t/ano, se non máis. Como é posíbel afirmar que o proxecto contribúe á descarbonización e á mitigación do cambio climático se nen sequera informa de cantos gases de efecto invernadoiro emite?
No tocante ao uso sustentábel dos recursos hídricos (obxectivo c), a demanda de 46.000 m3/día, dos que consumirá 16.000 e devolverá ao río outros 30.000 con alta carga contaminante, condicionará o balance hídrico en toda a bacía do Ulla nun contexto de mudanza climática que ALTRI esqueceu considerar. O encoro de Portodemouros, pretendido subministrador de auga para ALTRI incumpre os obxectivos ambientais do vixente Plano Hidrolóxico debido precisamente á contaminación orgánica causada polas verteduras. Actualmente, amosa graves problemas de eutrofización con frecuentes episodios de cianobacterias. A fábica de ALTRI inxectaría no río Ulla unha enorme cantidade de contaminantes con elevado poder eutrofizante: 60 toneladas/día de sulfatos, 6 t de materia orgánica, 1,5 de sólidos en suspensión, 450 kg de nitróxeno e 60 kg de fósforo, entre outras substancias.
No canto da transición a unha economía circular (obxectivo d), o modelo de ALTRI -definido por eles propios como unha industria de enclave- non pecha os ciclos produtivos en Galiza, senón que fabrica unha materia prima destinada á exportación, na súa maioría a Asia, tal e como acontece coas súas fatorías de Portugal. Lonxe de pechar o ciclo produtivo da madeira, contribuiría a acentuar a especialización da cadea forestal galega en produtos intermedios característicos dos primeiros elos da cadea. Tampouco existe circularidade no que atinxe á utilización de residuos téxtiles, que non está contemplada no proxecto: apenas se limita a unha posíbel opción futura sen concretar data nin outros detalles.
Se analisamos o cumprimento do obxectivo da prevención e control da contaminación, basta con revisar a listaxe de contaminantes atmosféricos declarados (e non declarados pola pasteira) no seu proxecto. A este respecto, o proxecto de ALTRI estaría a incumprir os mandatos da Directiva 2010/75 ao ocultar datos sobre unha morea de contaminantes que emite, perigosos para a saúde e o ambiente. E a Xunta, en aplicación dunha sentenza do TEX, debería ter obrigado á empresa a declarar todas as substancias suxeitas a emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación.
Finalmente, polo que atinxe á protección da biodiversidade e dos ecosistemas (obxectivo f), o proxecto de ALTRI ocultou que ocuparía un territorio proposto pola Xunta para integrar a Rede Natura 2000 e posteriormente na Estratexia de Infraestrutura Verde, como recoñeceu unha recente sentenza do TSXG. ALTRI ocultou tamén a presenza de endemismos botánicos en perigo de extinción e outras especies ameazadas, e noutros casos alterou a súa ubicación, malia a existiren citas recentes que certifican a presenza destes raras especies nos seus terreos.
Dende ADEGA preguntámonos como é posíbel que ALTRI siga vendendo (informe pagado mediante) que o seu proxecto contribúe á descarbonización e ao uso sustentábel dos recursos hídricos e mariños, a reducir a contaminación ou a permitir recuperar a biodiversidade dos ecosistemas.
A natureza do seu proceso industrial, moi intensivo no consumo de enerxía e auga; a forte contaminación que produce; a enorme demanda de madeira de eucalipto que estende o monocultivo intensivo; o deterioro dos hábitats e a perda de biodiversidade que directamente causa ou induce, son algúns dos factores que a Xunta debería considerar para definitivamente denegar a autorización a ALTRI. A que agarda Rueda para rematar de vez con semellante esperpento?
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal