ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA celebra a DIA desfavorable do parque eólico...

12-06-2026

ADEGA celebra a DIA desfavorable do parque eólico Navallos e reclama frear a saturación eólica na montaña lucense

ADEGA celebra a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable emitida pola Xunta de Galiza para o parque eólico Navallos, promovido por Enel Green Power nos concellos de Castroverde e Baralla.

A resolución supón unha boa nova para a defensa do territorio e confirma as advertencias realizadas por ADEGA durante a fase de información pública. Nas alegacións presentadas, ADEGA alertaba dos impactos ambientais do proxecto, da súa localización nunha área de elevado valor ecolóxico da Reserva da Biosfera Terras do Miño e da ameaza que supuña para a conectividade ecolóxica entre espazos naturais do interior lucense.

ADEGA puxo especialmente o foco na falta dunha avaliación real dos efectos acumulativos e sinérxicos derivados da concentración de parques eólicos na comarca. Nun radio de poucos quilómetros concéntranse numerosos parques en funcionamento, autorizados ou en tramitación, unha situación que está a provocar unha crecente presión sobre a biodiversidade, a paisaxe e o medio rural.

A asociación ecoloxista tamén denunciou a fragmentación de proxectos e infraestruturas de evacuación en expedientes separados, unha práctica que dificulta a avaliación conxunta dos impactos e que foi cuestionada de forma reiterada polos tribunais.

Para ADEGA, a DIA desfavorable de Navallos confirma as carencias ambientais do actual modelo de desenvolvemento eólico impulsado pola Xunta. A transición enerxética é necesaria e urxente, pero non pode converterse nunha coartada para a ocupación industrial do territorio nin para a degradación dos espazos naturais que desempeñan un papel esencial na conservación da biodiversidade e na loita contra a crise climática.

ADEGA reclama á Xunta de Galiza que abandone a política de tramitación masiva de proxectos e abra un proceso de planificación enerxética transparente, participativo e sometido a avaliación ambiental estratéxica, que permita determinar onde son compatibles as instalacións renovables e onde deben prevalecer os valores naturais, paisaxísticos e sociais do territorio.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal