Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo solicita a revisión da Declaración de...
02-06-2026
ADEGA-Lugo vén de presentar ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia unha solicitude formal de revisión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da liña de alta tensión de 132 kV entre as subestacións de Ludrio e San Cibrao, promovida por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas (BEGASA), ao considerar que a avaliación ambiental realizada non tivo en conta impactos significativos sobre a paisaxe, a biodiversidade e a conectividade ecolóxica da zona afectada.
Desde ADEGA denuncian que a infraestrutura foi autorizada sen avaliar adecuadamente elementos de gran relevancia ambiental e paisaxística. Entre eles destaca a afección ao Miradoiro do Castelo de Labio e á ruta de sendeirismo dos Lagos de Teixeiro, espazos de elevado valor panorámico e recreativo que verán deteriorada a súa calidade paisaxística pola proximidade da liña e pola deforestación asociada ás obras.
Tamén alertan dos danos provocados sobre hábitats de interese comunitario, especialmente unha importante carballeira e un bosque aluvial situados na parroquia de Labio, afectados pola apertura dunha ampla franxa forestal para a instalación da infraestrutura. Segundo a asociación, estes impactos non foron correctamente identificados nin avaliados durante a tramitación ambiental do proxecto.
Outro dos aspectos que motivan a solicitude de revisión é a incidencia da liña eléctrica sobre unha área de especial interese para a fauna, caracterizada pola presenza de varias zonas húmidas inventariadas pola Xunta de Galiza e utilizadas por numerosas especies de aves. ADEGA considera que non se avaliaron adecuadamente os riscos de colisión e electrocución da avifauna nin os efectos sobre a biodiversidade local.
Ademais, ADEGA denuncia que o proxecto ignora a existencia de importantes corredores ecolóxicos que conectan diversos espazos naturais da provincia de Lugo, incluíndo áreas da Reserva da Biosfera Terras do Miño e espazos integrados na Rede Natura 2000. A fragmentación destes corredores compromete a mobilidade da fauna e a conservación da biodiversidade, en contradición coas directrices europeas, estatais e galegas en materia de infraestrutura verde e conectividade ecolóxica.
Por todo isto, ADEGA-Lugo propón estudar o soterramento da liña nos treitos máis sensibles desde o punto de vista ambiental e paisaxístico e reclama a suspensión cautelar das obras mentres se tramita a revisión da declaración ambiental, co obxectivo de evitar danos irreversibles sobre o territorio.
Para ADEGA, a transición enerxética non pode servir de escusa para degradar espazos naturais de alto valor ecolóxico nin para reducir as garantías da avaliación ambiental. A planificación das infraestruturas eléctricas debe compatibilizarse coa protección da biodiversidade, da paisaxe e do patrimonio natural de Galiza.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal