ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA alerta que a planta de biometano da Laracha...

27-05-2026

ADEGA alerta que a planta de biometano da Laracha incumpre a lei de residuos e pon en perigo a saúde veciñal

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza acaba de rexistrar alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental e á solicitude de Autorización Ambiental Integrada da planta de biogás promovida por Bioenergía A Coruña, S.L.U., na parroquia de Soandres, no concello coruñés da Laracha. 

O proxecto prevé tratar 63.500 toneladas anuais de residuos (xurros, lodos de conserveira, soro lácteo e outros residuos orgánicos) para producir biometano. Para ADEGA, o proxecto presenta deficiencias de forma e de fondo que o fan inviable dende o punto de vista ambiental, urbanístico e de saúde pública.

Impactos na saúde: cheiros e emisións tóxicas

Os malos cheiros  -coas súas implicacións sobre o benestar e a saúde da poboación- son sempre a principal preocupación. Con todo, o promotor despreza o sentir da veciñanza e só contabiliza no seu estudo de emisión e inmisións de cheiros ún único foco de emisión, a chimenea. Obvia, polo tanto, as emisións difusas (carga/descarga de camións, manipulación de sólidos, etc.), que tamén son responsábeis dos malos cheiros que ten que soportar a poboación directamente afectada do entorno próximo a este tipo de instalacións.

Tampouco se avalían os efectos sobre a saúde dos compostos químicos causantes dos cheiros: sulfuro de hidróxeno, mercaptanos, algúns ácidos grasos, compostos organo-volátiles, etc. En concreto, o sulfuro de hidróxeno (H2S), que ten un cheiro similar ao dos ovos podres e é perceptible no aire en concentracións de 0,13 ppm, resulta altamente tóxico (afecta ao sistema enzimático da respiración e as mucosas) a concentracións de tan só 2 ppm.

A pesar de que o estudo admite a presenza deste composto nos residuos que se tratarán na planta en concentracións moi por encima dos niveis de seguridade, non explica como pode reducir eficientemente esa concentracións ata o nivel en que sexan imperceptibles para a veciñanza; nunha contorna, ademais, con vivendas e núcleos de poboación a apenas 200 metros da parcela. A este respecto, ADEGA considera que o proxecto vulnera a Lei 33/2011 de saúde pública, ao non contemplar o principio de precaución, e a Lei 21/2013 de avaliación ambiental, que esixe o estudo dos impactos na saúde humana.

Defectos de forma e documentación incompleta

O Estudo de Impacto Ambiental descarta a alternativa cero (non facer o proxecto) nunha soa páxina e con argumentos unicamente baseados nos intereses do promotor, o que, segundo a Lei 21/2013, invalida a avaliación ambiental. O documento sinala que a non construción desta infraestrutura “impediría que se garantise o cumprimento do novo obxectivo climático vinculante refrendado polo Consello Europeo en decembro de 2020, consistente en reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro da Unión en al menos un 55% para 2030 respecto aos valores de 1990”. Esta afirmación non ten en conta que a redución de emisións de CO₂ pode acadarse mediante diferentes alternativas, sen necesidade de recorrer á construción dunha planta de biometano.

Ademais, na documentación posta a disposición pública non constan diversos informes que foron requiridos ao promotor do proxecto. Entre eles, un informe da Dirección Xeral de Residuos e Economía Circular, sen o cal é imposible coñecer as características dos residuos que serán tratados nesta planta; e outro informe de valoración arqueolóxica, sen o que tampouco se pode avaliar o impacto sobre o patrimonio.

Errada cualificación urbanística do solo

O Estudo de Impacto Ambiental contén unha cualificación urbanística do solo errada. Segundo se indica nel -de forma interesada-, a parcela onde se pretende instalar esta planta está cualificada como solo rústico de protección ordinaria. Porén, tanto na documentación deste proxecto como no Visor do Plan Básico da Xunta pode comprobarse que a parcela está afectada pola zona de policía do río Anllóns e pola zona de protección do xacemento arqueolóxico “Mámoa da Chousa Grande”.

Ademais, cabe sinalar que na contorna da parcela afectada existe un regato permanente que desemboca no río Anllóns e que non se cita na documentación. Este feito evidencia que non se visitou a zona nin se realizaron traballos de campo para a realización do estudo de impacto ambiental, un proceder que non debera permitirse neste tipo de procesos adminstrativos.

ADEGA considera que a parcela obxectivo da planta debe cualificarse como solo rústico de protección de augas e/ou solo rústico de protección do patrimonio. E polo tanto non é posible a construcción desta instalación. Ademáis, de terse en conta estas circunstacias debería facerse unha avaliación máis rigorosa dos riscos de contaminación directa dos cursos de auga próximos e a súa afección sobre a “Mámoa da Chousa Grande”. Non pode aceptarse unha tramitación de avaliación ambiental que non considere estes riscos, xa que a captación de auga potable para o abastecemento de poboacións de Carballo e Ponteceso se sitúa augas abaixo desta infraestrutura.

Incumprimento da lexislación de residuos

A Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, establece a xerarquía dos residuos segundo o seguinte: prevención, preparación para a reutilización, reciclaxe e, por último, valorización enerxética. Os xurros ou puríns non son considerados residuos, senón subprodutos que se usan tradicionalmente como fertilizante. A planta de biogás interrompe a circularidade dos residuos ao desviar un subproduto útil para a terra cara a un proceso industrial.

Por todo isto, e tendo en conta ademais a férrea oposición veciñal a este proxecto, ADEGA solicita que se paralice a tramitación da Autorización Ambiental Integrada deste proxecto.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal