Inicio /
Novas /
Todas /
Parque no Agra do Orzán: 40 anos agardando por...
21-05-2026
Parque no Agra do Orzán: 40 anos agardando por unha zona verde que non vai chegar
- A modificación urbanística aprobada polo pleno do Concello da Coruña o pasado 14 de maio limita o alcance do futuro Parque do Agra, ao permitir o construcción de vivendas.
O Agra do Orzán é un barrio cunhas condicións singulares desde un punto de vista urbanístico. A maior particularidade que o condiciona é que se contabiliza a maior densidade de poboación de Galiza, e das máis altas de Europa. É dicir, que neste barrio predominan as vivendas fronte a outros espazos e construccións como zonas verdes, parques infantís, aparcamentos ou equipamentos deportivos, etc. Neste contexto, a reivindicación histórica da veciñanza de ter un parque leva xa 40 anos agardando a que se faga realidade.
Os atrancos ao proxecto do Parque do Agra constitúen un exemplo representativo do conflito entre os intereses inmobiliarios e as necesidades reais da veciñanza. Trátase dun caso no que a saúde pública e ambiental da cidade queda subordinada a intereses empresariais con intención de seguir a construír vivendas nun barrio xa moi poboado. A última modificación urbanística aprobada polo pleno municipal da Coruña o pasado 14 de maio vai nesta liña.
A través dunha modificación puntual aprobada polo pleno,
parte do espazo da parcela do antigo convento das Adoratrices será de uso privado, polo que non se poderá materializar un parque no 100% da superficie, como demanda a veciñanza desde hai 40 anos. Cabe destacar, ao tempo, que non todo uso público desa parcela estará dedicado a zonas verdes, senón que se contemplan construccións como unha rolda de acceso e outros equipamentos.
Esta decisión do pleno está condicionada por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que obriga a reclasificar esa parcela. Con todo, desde ADEGA denuncian que esta sentenza non debería significar a renuncia a un parque digno e esixen das administracións públicas defender os intereses da veciñanza.
Por unha cidade con máis biodiversidade
Unha cidade máis verde é tamén unha cidade máis resiliente e con mellor adaptabilidade ao cambio climático. ADEGA lembra que existen numerosos estudos sanitarios e da OMS que avalan que o acceso a espazos verdes urbanos reduce o estrés, mellora a calidade do aire, favorece a actividade física e prevé enfermidades cardiovasculares e respiratorias. Se algo ensinou o confinamento da COVID-19 foi a importancia de vivir nun entorno en contacto coa natureza.
Por todo isto, ADEGA manifesta o seu máis firme apoio e solidariedade coa veciñanza do Agra do Orzán, cuxas reivindicación son, di, xustas e necesarias. Por iso, a organización ecoloxista súmase á loita e esixe ao Concello que escoite as demandas veciñais e que o futuro parque do Agra sexa realmente un espazo para a cidadanía, non unha operación urbanística disfrazada.
PARQUE NO AGRA XA!
Novas relacionadas